A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro acompañou o director técnico do Padroado da Cultura, que se xubila tras corenta anos á fronte da programación cultural da cidade.
Os xardíns do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns (Ames), acolleron na noite deste martes os IV Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas, nun acto no que Luciano Fernández, director técnico do Padroado da Cultura do Concello de Narón, recibiu o galardón da categoría «Marcho, que teño que marchar», destinada este ano a profesionais que se xubilan tras décadas de dedicación ao sector.
Á cita acudiu a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, que quixo estar presente para acompañar persoalmente a Fernández nun acto que o propio sector considerou un recoñecemento máis que merecido. Ferreiro felicitouno en nome do Concello de Narón e subliñou que a súa marcha deixa un baleiro difícil de cubrir, pois Luciano Fernández non é só un xestor cultural senón unha peza fundamental na construción do que é hoxe a vida cultural da cidade.
Fernández leva vinculado ao Padroado da Cultura dende 1985, e dende o ano seguinte asumiu a súa dirección técnica. Ao longo destas catro décadas artellou unha programación que ten convertido Narón nun referente das artes escénicas no noroeste galego, cun esforzo sostido por achegar ao público espectáculos de calidade e por proxectar as compañías galegas máis aló das fronteiras do país.
O Festival Singular, con once edicións, e a Mostra de Teatro para a Infancia e a Xuventude —a Motix, xa na súa edición número corenta e un— son dous dos proxectos que mellor resumen esa traxectoria. A gala, conducida pola creadora escénica e coreógrafa Marta Alonso Tejada, reuniu boa parte do sector nun encontro que Escena Galega ten convertido xa en cita obrigada nesta cuarta edición; Un acto festivo, non competitivo, con humor e retranca, que cada ano pon en valor a quen traballa nas marxes do foco pero sostén o sistema escénico galego.
As pezas entregadas este ano foron deseñadas pola ceramista Olalla Lojo, de MISOCO. Ademais de Luciano Fernández, a velada homenaxeou a compañía do Morrazo Teatro de Ningures como nova Socia de Honra de Escena Galega; a Salvador Forján e Moisés González, técnicos do Salón Teatro e do Teatro Principal de Santiago que tamén pechan esta etapa tras décadas entre bastidores; ao Colectivo RPM, pola súa aposta pola danza e as artes vivas a través do programa Residencias Paraíso; á Sala Ártika de Vigo, referente da programación privada en Galicia; e a Carlos Lorenzo, técnico de cultura do Concello de Carral e figura activa na Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e na Academia Galega de Teatro.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

