A Semana Cultural de Esmelle en Ferrol, ven repleta de iniciativas para este verán

A programación desenvolverase entre o 4 de xullo e o 23 de agosto e culminará coa celebración da Romaría Castrexa 2026.

A Asociación de Veciños Valle de Esmelle presentou a programación da XXXIV Semana Cultural de Esmelle (SCE 2026), unha iniciativa plenamente consolidada que, un ano máis, converterá a parroquia nun dos principais espazos de encontro social, cultural e festivo do verán no municipio de Ferrol.

Baixo o lema «Verán Cultural», a entidade organiza entre o 4 de xullo e o 23 de agosto un completo calendario de actividades pensado para todos os públicos, combinando cultura, patrimonio, deporte, música, gastronomía, tradición e lecer, co obxectivo de fortalecer a convivencia veciñal e dinamizar a vida social da parroquia.

A programación ábrese o sábado 4 de xullo coa tradicional Ruta dos Muíños e Tralocastro, á que seguirá a inauguración oficial da Semana Cultural e da exposición de pintura de Esmelle no Museo Pérez Porto, rematando a xornada cun karaoke popular.

Ao longo das semanas sucederanse numerosas propostas para todas as idades, entre as que destacan a limpeza do Castro de Esmelle, sesións vermú con actuacións musicais, obradoiros, bingo social, maratón de parchís, actividades gastronómicas, a tradicional Ruta das Meigas «Habelas Hailas», a Festa da Espuma, un encontro interxeracional, cine ao aire libre, a entrega dos premios Rueiros, a sardiñada popular, a degustación de mexillóns, a Noite dos Mojitos, a Recreación da Malla, a presentación do libro Nacido en la periferia, do escultor Manuel Patiña, ademais doutros concursos e actividades culturais.

A organización destaca especialmente o carácter participativo da programación, deseñada para implicar á veciñanza, ás familias e ás persoas visitantes, favorecendo a convivencia entre xeracións e contribuíndo á posta en valor do patrimonio natural, histórico e etnográfico de Esmelle.

Como peche da programación, o domingo 23 de agosto celebrarase a Romaría Castrexa 2026, un dos eventos máis emblemáticos da parroquia e xa consolidado como unha cita de referencia no calendario festivo e cultural de Ferrol. A romaría recupera as tradicións vinculadas á cultura castrexa mediante recreacións históricas, gastronomía, música, mercado artesanal e actividades para todos os públicos, atraendo cada ano a centos de visitantes.

Desde a Asociación de Veciños Valle de Esmelle subliñan que esta trixésimo cuarta edición representa o compromiso da entidade coa promoción da cultura popular, a conservación das tradicións, a participación cidadá e a dinamización do rural, grazas ao traballo desinteresado dun amplo grupo de persoas voluntarias.

A entidade agradece expresamente a colaboración das asociacións participantes, das persoas voluntarias, das empresas colaboradoras e das administracións públicas que contribúen a facer posible esta programación, animando á veciñanza de Esmelle, de Ferrol e de toda a comarca a participar nun verán cheo de cultura, convivencia e tradición.

Lea también

Ferrol presenta su guía turística de verano con más de 50 propuestas para descubrir la ciudad hasta septiembre

El Concello de Ferrol ha presentado su guía turística de verano, una publicación que reúne …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *