Valdoviño prepárase para vivir unha nova edición do LagoFest

O festival está organizado pola ACR de Veciños de Lago co apoio do Concello, e celebrarase na pista da parroquia a partir das 20:30 horas.

Fiel ao seu estilo, o LagoFest regresa a Valdoviño este sábado 4 de xullo cun cartel de auténtico luxo.

Organizado pola ACR de Veciños de Lago, volverá contar nesta quinta edición co apoio do Concello de Valdoviño, que a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña, cofinancia a participación da banda Broken Peach, e colabora economicamente tamén financiando infraestrutura e equipamento.

A cita celebrarase na pista deportiva anexa ao parque de Lago, a partir das 20:30 horas e ata ben entrada a madrugada. Os primeiros en subir ao escenario serán Doctor Snob, unha veterana banda de rock e pop-rock nada na Coruña, considerada unha das formacións supervivintes da escena musical galega dos anos oitenta e noventa.

Tomarán o relevo Los Claretes, banda de rock que destaca polas súas enerxéticas actuacións en directo e o seu potente son baseado en versións dos grandes éxitos dos últimos 50 anos.

De seguido, actuación estelar de Broken Peach, banda viguesa cun son moi característico baseado na fusión do soul e rock, á que engaden pinceladas de gospel, funk e pop.

Aínda que son mestres reinventando clásicos, tamén apostan pola música propia con traballos de estudo como o seu disco «Welcome to the brokenland» ou o EP máis recente, «Old Skull».

A continuación será o turno para La Indirigible, unha das bandas de versións máis populares e con maior proxección de Galicia, nacida en Ferrolterra e cun repertorio que ofrece un auténtico «viaxe no tempo» a través dos grandes éxitos do indie-rock nacional e internacional dende os anos 2000 ata a actualidade.

E pechando o festival, Pölisong, banda de hard rock e rock and roll clásico nada en Ferrolterra en 2011, recoñecida polo seu son contundente e a calidade das súas composicións propias.

O alcalde, Alberto González, poñía en valor o traballo da asociación de veciños para ofrecer cada ano unha versión mellorada dun festival a día de hoxe máis que consolidado, e animaba á cidadanía a desfrutar da cita este este sábado.

Lea también

A Deputación da Coruña aproba un investimento de preto de 1,2M€ para mellorar a seguridade viaria en Cariño, Outes e Ferrol

Máis de 445.000 euros destinaranse ao reforzo do firme na estrada DP-6121, de Mera a …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *