Pontedeume solicita unha reunión urxente co secretario de Estado de Infraestruturas ante o novo colapso provocado polas obras da Ponte de Pedra e anuncia a convocatoria de concentracións de protesta de persistir esta situación.

«Desde o Concello de Pontedeume, solicitamos unha reunión urxente co secretario de Estado de Infraestruturas para abordar unha situación que, despois do sucedido» este pasado mércores 12 «e do que estamos volvendo padecer» este xoves 13, «resulta xa totalmente inadmisible».
«Por iso, ademais de solicitar» este citado xoves «esta reunión urxente, queremos anunciar que, se esta situación persiste, desde o Concello procederemos á convocatoria pública de concentracións de protesta, para manifestar xunto cos veciños e veciñas de Pontedeume o noso absoluto rexeitamento ante un despropósito que está causando un prexuízo inasumible ao municipio».
«Na semana con máis desprazamentos de todo o mes de agosto, Pontedeume volve sufrir o colapso das súas dúas principais vías e arterias de comunicación, como consecuencia dunha nefasta xestión e dunha pésima previsión, planificación e coordinación dos traballos de construción das beirarrúas da ponte no tramo que discorre polo municipio de Cabanas».
«O que está acontecendo non pode normalizarse. Non é razoable que unhas obras coñecidas e programadas con antelación provoquen día tras día retencións quilométricas e enormes dificultades de mobilidade, afectando directamente á vida diaria de centos de veciños e veciñas».
«Desde o Concello sempre entendemos, e así o manifestamos desde o primeiro momento, que estas obras son necesarias e imprescindibles para garantir a seguridade e a estabilidade da ponte. Pero a necesidade dunha actuación desta importancia non pode servir de xustificación para colapsar as principais vías de comunicación dun municipio nin para someter durante semanas á veciñanza e ao tecido económico a unha situación permanente de molestias e prexuízos que poderían terse reducido cunha planificación adecuada».
«Entre administracións ten que existir coordinación, comunicación, previsión e respecto institucional. Desde Pontedeume levamos tempo advertindo desta situación, trasladando propostas e reclamando que os traballos se organizasen de maneira que se reducise ao máximo a súa afección ao tráfico. A realidade demostra que esas advertencias non foron atendidas».
«As obras hai que facelas, pero hai que facelas ben. Con planificación, con coordinación e, sobre todo, pensando nas persoas que sofren diariamente as consecuencias das decisións que se toman».
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.