A autorización permitirá executar as infraestruturas de captación e condución de auga vinculadas ao Proxecto Industrial Estratéxico promovido por Biofibras de Galicia.

O Pleno do Concello das Pontes aprobou este xoves, por unanimidade, a constitución dun dereito de servidume sobre unha parcela de titularidade municipal necesaria para o desenvolvemento da futura planta de biofibra reciclada branqueada promovida por Biofibras de Galicia S.L.U., un proxecto declarado Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) polo Consello da Xunta de Galicia o 15 de xuño de 2023 que conta ademais coa Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable e coa Autorización Ambiental Integrada (AAI) outorgadas pola administración autonómica.
O alcalde, Valentín Formoso, agradeceu a responsabilidade e o respaldo unánime de todos os grupos políticos, así como o traballo desenvolvido polos servizos municipais de Secretaría, Intervención e Urbanismo para tramitar con axilidade este expediente. Ademais, explicou que a aprobación deste acordo constitúe un trámite necesario dentro do
procedemento administrativo que está a seguir o proxecto ante a Xunta de Galicia.
O acordo autoriza a constitución dun dereito de servidume de paso e ocupación sobre un inmoble de natureza patrimonial do Concello, indispensable para a execución das infraestruturas asociadas ao proxecto, concretamente as destinadas á captación e bombeo de auga desde o lago das Pontes e á súa condución soterrada ata a futura planta industrial.
A servidume inclúe o paso e permanencia de colectores e impulsións de auga, canalizacións eléctricas e sistemas de sinalización e telecontrol, así como o acceso para a execución de obras, inspección, mantemento e reparación das instalacións. Ademais, contempla a instalación e permanencia dunha sala eléctrica, unha caseta de control e outros elementos auxiliares necesarios para o funcionamento da infraestrutura.
A autorización concédese con carácter indefinido mentres se manteña o uso das infraestruturas previstas e as condicións que motivan o seu outorgamento. Así mesmo, a empresa deberá satisfacer a contraprestación económica correspondente, calculada conforme á normativa vixente, e asumir a obriga de repoñer os terreos ao seu estado orixinal no caso de extinción da servidume.

Durante o debate plenario, todos os grupos municipais manifestaron o seu apoio á proposta, destacando a importancia estratéxica do proxecto para o futuro económico e industrial das Pontes. Con esta aprobación unánime, o Concello das Pontes dá un novo paso para facilitar a implantación dun proxecto chamado a contribuír á diversificación económica do municipio, á creación de emprego e ao fortalecemento do tecido industrial local, no marco do proceso de transición industrial que está a vivir a vila.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.