Narón atende preto de 80 familias nas mesas informativas contra o acoso escolar en xuño

Un 61% das familias consultadas amosa interese en recibir formación específica sobre detección e prevención do acoso.
 
 
O Concello de Narón vén de completar un novo ciclo de mesas informativas sobre acoso escolar. Desenvolvida en xuño, trátase dunha iniciativa do programa TIP AC.ES (Talleres e Obradoiros de Convivencia Escolar) que levou recursos, información e asesoramento directo ás familias en cinco espazos públicos do municipio.
 
As citas, celebradas os días 4 e 5, 12, 18 e 19 de xuño no Paseo Marítimo de Xuvia, A Gándara, o Río Freixeiro, A Solaina e Praza de Galicia, reuniron 79 familias participantes, segundo os datos recollidos polo equipo técnico responsable da iniciativa.
 
A maior afluencia rexistrouse na xornada celebrada na praza da Gándara, que se confirmou como un dos puntos de encontro habituais das familias con fillos en idade escolar do municipio. O perfil das persoas que se achegaron aos stands foi maioritariamente feminino: un 80% de mulleres fronte a un 20% de homes. Prácticamente a totalidade, un 96%, son nais e pais con fillos en idade escolar, principalmente de educación primaria, e procedentes de centros educativos do municipio.
 
 
Os datos recollidos amosan un dato relevante: case a metade das persoas consultadas, un 49%, recoñece non contar con información suficiente sobre acoso escolar, e un 61% manifestou interese en recibir formación específica sobre esta materia. Ademais, oito de cada dez participantes considera que existen moitos casos de acoso escolar, aínda que só un 41% afirma ter coñecemento directo dalgún caso concreto.
 
Entre os temas polos que as familias amosaron maior interese destacan os indicadores que permiten detectar precozmente unha situación de acoso e as claves para comprender este fenómeno entre nenos, nenas e adolescentes, dúas cuestións que centraron boa parte das consultas realizadas nos stands. A concelleira de Educación, Olga Ameneiro, valorou positivamente o resultado deste achegamento do programa TIP AC.ES á rúa sublimando a importancia de manter este tipo de iniciativas que permiten ao Concello chegar directamente á cidadanía.
 
«Levar a información aos parques e prazas onde as familias xa están presentes cos seus fillos demostrou ser unha fórmula eficaz para achegar recursos e resolver dúbidas nun ambiente próximo e de confianza», sinala a edil, que avanza que o Concello seguirá traballando para reforzar a prevención e detección temperá do acoso escolar no municipio.
 

Lea también

La naronesa Ruth Ortega se proclama campeona del TER European Trophy Damas 2026

El automovilismo gallego  está de enhorabuena tras el histórico triunfo cosechado por Ruth Ortega. La …