Ares estrea o ciclo musical ‘Ao Son do Mercado’

A iniciativa ‘Ao Son do Mercado’, integrada na programación VeraneAres 2026 da Concellaría de Cultura, achegará durante o mes de xullo as actuacións de Luis Mera Lucky, Txetxu Altube e Oso.

Archivo- o Mercado Municipal de Ares

O Concello de Ares vén de incorporar para este verán unha nova proposta á súa programación lúdico-cultural, coa posta en marcha de ‘Ao Son do Mercado’, un ciclo de música de autor en formato acústico que converterá o Mercado Municipal nun espazo de encontro entre veciñanza arredor da creación musical contemporánea.

Esta novidade impúlsase, ademais, nun ano especialmente significativo para o edificio, que cumpre 100 anos de historia como punto de referencia da vida social, comercial e veciñal de Ares. Un século no que o Mercado foi moito máis que un espazo de venda de proximidade: tamén un lugar de convivencia, construción de relacións e símbolo da identidade colectiva da vila.

Agora, coincidindo co aniversario, estreará este ciclo que se desenvolverá ao longo de tres martes consecutivos do mes de xullo, sempre ás 20:30 horas. A programación arrancará o día 7 coa actuación do artista aresán Luis Mera Lucky, continuará o 14 de xullo coa presenza do cantautor Txetxu Altube e concluirá o 21 de xullo co concerto de Oso.

A proposta busca reivindicar a música de autor como unha experiencia que convida a deterse, escoitar e conectar coas historias detrás das cancións. Por iso mesmo os concertos estarán concibidos dende a escoita activa e atención ás letras e melodías que compartirán os tres artistas co público.

Todos os espectáculos serán de balde, mais debido ás características do recinto e ao formato escollido, contarase con aforo limitado de pé e reserva previa obrigatoria vía telemática, a través da web institucional, www.concellodeares.gal, dende este martes, 23 de xuño, ás 10:00 horas.

Lea también

La Sociedad Artística Ferrolana entrega el premio ‘Gregorio Baudot 2026’ al grupo ferrolano BÖJ

En el mismo evento se entregó el título de socio de Honor de la SAF …