A Deputación abre o prazo para solicitar 48 bolsas de investigación e perfeccionamento artístico

Convócanse 20 bolsas de investigación e 28 de perfeccionamento artístico de 10.000 euros cada unha.

A Deputación da Coruña abriu este lúns o prazo para solicitar as súas bolsas destinadas a apoiar á mocidade da provincia na realización de proxectos de investigación e no perfeccionamento de estudos artísticos durante o curso 2026-2027.

Ambas convocatorias suman un orzamento total de 480.000 euros para un total de 48 bolsas de 10.000 euros cada unha. Nos últimos anos, o Goberno provincial incrementou progresivamente tanto o número de bolsas, que pasaron de 40 a 48, como a contía das mesmas, que subiu de 8.000 a 10.000 euros.

20 bolsas de investigación

Este ano convócanse 20 bolsas de investigación, que pretenden “ofrecer apoio e oportunidades aos novos talentos coruñeses en diferentes ámbitos que van desde as ciencias da saúde ás ciencias sociais e xurídicas ou as humanidades”, explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Poden optar a estas bolsas as persoas con titulación universitaria menores de 36 anos e con residencia en calquera concello da provincia da Coruña, que deberán desenvolver un traballo de investigación durante un período mínimo de nove meses. En concreto, convócanse 5 bolsas para proxectos sobre artes e humanidades, 4 de ciencias da saúde, 5 de ciencias sociais, xurídicas ou estudos de xénero, 4 de ciencias e 2 de enxeñería e arquitectura.

28 bolsas de perfeccionamento artístico

No caso das bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos, a Deputación destina este ano 280.000 euros para financiar 28 axudas cunha contía de 10.000 euros cada unha.

A través destas bolsas, as persoas beneficiarias recibirán financiamento para custear os gastos derivados da realización de estudos artísticos fóra da comunidade autónoma de Galicia en diferentes disciplinas: audiovisual (3 bolsas), danza e artes do movemento (3), ilustración, artes plásticas e visuais (4), música (15) e teatro e interpretación escénica (3).

Estas axudas permitirán ao alumnado da provincia da Coruña completar a súa formación artística en centros de alto nivel de fóra de Galicia. Ao longo dos anos, estas bolsas permitiron mellorar a formación de decenas de coruñeses e coruñesas en cidades como Madrid, Barcelona, Granada ou Valencia, así como en centros especializados de países como Estados Unidos, Francia, Reino Unido ou os Países Baixos.

Solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 16 de abril, e poden consultarse nestes enlaces;

Bases bolsas de investigación:

https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2026/03/02/2026_0000001176.html

Bases bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos:

https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2026/03/02/2026_0000001175.html

Máis información sobre as bolsas: https://www.dacoruna.gal/educacion/bolsas

 

 

Lea también

El Aula UNED de Ferrol acoge una conferencia sobre el impacto del Nilo en el Antiguo Egipto

El Aula UNED de Ferrol (situada en la calle María, 52-54) se convertirá este viernes, …