Os socialistas de Ferrol, a través da súa Executiva e Grupo Municipal, cualifican como “desfachatez” as declaracións realizadas polo alcalde, José Manuel Rey, felicitándose pola decisión de Paradores sobre o establecemento local. E é que, como quixo destacar a responsable socialista local, Beatriz Sestayo, foron os representantes das centrais e os empregados e empregadas do Parador de Ferrol os que, cunha presión respaldada polo conxunto da sociedade ferrolá, puxeron contra as cordas á dirección de Paradores e obrigaron a un rexedor “que só traballo ás ordes dos seus xefes do PP en Santiago e Madrid” a “moverse do seu sillón”. “O PSdeG-PSOE sempre estará aí, cos traballadores e traballadoras, e non como fai o PP e o seu alcalde, José Manuel Rey”, asegurou a responsable socialista local, que tamén tivo palabras de crítica para o concelleiro de Turismo e presidente de Deputación –institución, lembrou, que rexeitou cos votos do PP unha moción do PSdeG-PSOE sobre o Parador de Ferrol-, Diego Calvo, “ao que os empregados e empregadas do parador ferrolán aínda están esperando”.
En todo caso, tanto a Executiva como o GMS cuestionan a decisión de Paradores, que se ben deixa aberto o establecemento de Ferrol, prevé o peche do seu comedor e restaurante, sen dúbida un dos seus principais reclamos. A este respecto, manifestan a súa preocupación pola posible perda
dos postos de traballo vencellados á restauración da infraestrutura ferrolá, ao tempo que consideran que a decisión deixa a este Parador sen una prestación necesaria e sen a oportunidade de poñer en valor a nosa propia gastronomía e a mellora da competitividade do hotel.
Así mesmo, os socialistas aseguraron que é unha “auténtica tomadura de pelo” que o alcalde “popular” ofreza un espazo público para mellorar uns servizos, que son os que precisamente agora van suprimir. “Non ten sentido que o Concello prescinda dun espazo público, como son os xardíns de San Francisco, para presuntamente incrementar uns servizos que, ao contrario do pretendido, vanse ver mermados”, manifestaron dende o PSdeG-PSOE de Ferrol, que reclaman ao rexedor do PP a condicionar esa oferta á permanencia do restaurante.
Neste senso, o Grupo Municipal Socialista, a través da súa voceira Natividad González Laso, esixe ao alcalde que retome as negociacións, xa que “non nos satisface que se perda nin un posto de traballo e nos sorprende a alegría do alcalde, tras esta mala nova” .- din os socialistas. Lembran así que o acordo plenario, aprobado no último pleno, consistía en evitar o peche do Parador e conservar a totalidade dos postos de traballo, extremo que non se garante con este acordo.
Para os socialistas estas novas non son nada halagüeñas para o futuro do parador, e lles preocupa que esta medida provoque máis perdas e outra escusa máis para una futura privatización do Parador ferrolá. “Qué futuro lle espera ao Parador, cando están recortando un servizo esencial que está directamente relacionado cunha mellora na ocupación hoteleira do mesmo”, pregúntanse os socialistas. Por todo isto, afirman que é unha decisión moi negativa e deixa ao futuro do Parador de Turismo pendendo dun fío.
Pola súa banda, a secretaria xeral, Beatriz Sestayo, que tamén é deputada no Parlamento Galego, seguirá, como xa fixo semanas atrás, presentando iniciativas parlamentarias en prol da continuidade, e sempre mantendo o carácter público, do Parador de Ferrol garantindo os postos de traballo e os mesmos servizos, así como incrementándoos, ademais de reclamar un plan de potenciación do turismo, no que este establecemento debe ter un papel fundamental.
Ademais, Sestayo reclama que se racionalicen os gastos “nos postos de dirección opacos” e con “soldazos”, e se preste unha maior atención aos traballadores e traballadoras, en condicións precarias en moitos casos.