O sistema de acreditación procura reforzar a sostibilidade e a vinculación co territorio. A iniciativa inclúe formación, asistencia técnica e un plan de mellora personalizado.
O teatro da Beneficencia de Ortigueira acolleu este martes o acto de lanzamento do Plan de mellora e acreditación de empresas turísticas do Xeoparque Cabo Ortegal. A encargada de presentar a iniciativa foi a deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Concellos da Deputación da Coruña, Cristina García, quen lembrou que a finalidade é reforzar a sostibilidade e o vínculo das entidades locais co Xeoparque, mediante un sistema voluntario de adhesión e acreditación.
Vai dirixido tanto a empresas turísticas coma a produtores do sector primario e artesáns que oferten algún tipo de actividade turística nos sete municipios que abrangue: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Ortigueira, Valdoviño. Inclúe accións formativas, asistencia técnica individualizada e un plan de mellora a curto e medio prazo para que as entidades participantes poidan obter a acreditación do Xeoparque.
No acto explicouse o funcionamento do modelo e anunciouse a apertura do proceso de adhesión ao sistema de acreditación. Tamén se detallaron os requisitos de acceso e os criterios básicos que deberán cumprir as empresas interesadas, co obxectivo de que o empresariado coñeza con claridade os compromisos que asumirían en materia de competitividade, dixitalización, sostibilidade e calidade.
Prazo aberto até o 8 de febreiro
O prazo para solicitar a incorporación permanecerá aberto até o próximo 8 de febreiro. No vindeiro mes de abril entregaranse as acreditacións a todas aquelas empresas que superen o proceso de adhesión.
Esta actuación está promovida pola Deputación Provincial da Coruña, en colaboración coa Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal, ao abeiro do Plan de sostibilidade turística en destino (PSTD) do Xeoparque Cabo Ortegal. Conta, ademais, con financiamento de fondos europeos NextGenerationEU, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

