O Concello das Pontes vén de aprobar e facer públicas as bases reguladoras do Concurso de cestas da 45ª edición da Feira do Grelo, que se celebra o domingo 15 de febreiro de 2026, un dos eventos gastronómicos e tradicionais máis emblemáticos do municipio.
A inscrición das persoas participantes realizarase o propio día da feira, entre as 8:00 e as 10:00 horas, na carpa situada na Praza de América. Os grelos deberán presentarse en cestas cun mínimo de dez madas, requisito indispensable para poder concursar. Só se permitirá unha persoa participante por unidade familiar e será necesario ter 16 anos cumpridos.
A partir das 10:00 horas, o xurado —formado por persoas expertas na materia— procederá ao reconto das cestas admitidas, non aceptándose novas inscricións a partir dese momento. No caso de superar o número máximo de participantes, a selección realizarase por orde de inscrición.
O concurso rematará ás 11:30 horas, momento no que terá lugar a entrega de premios na carpa da Praza de América. Establécense premios á calidade do grelo por un importe total de 1.275 euros, incluíndo un Primeiro Premio de 400 euros, así como o Premio Especial “Alexandre Pérez Sindín” á cesta mellor adornada, dotado con 300 euros e unha peza de artesanía, doada pola Asociación Amigos da Madeira.
Todas as persoas participantes recibirán ademais dous tíckets para o xantar popular, que se celebrará na carpa do Colexio Santa María o propio día da feira.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
