A Asociación Sociocultural ASCM encargouse da elaboración das publicacións que edita a Mancomunidade co apoio da Deputación.

Valdoviño xa conta coas novas guías do Camiño a Santo André editadas pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol co apoio da Deputación da Coruña. Unha publicación elaborada pola Asociación Sociocultural ASCM, que recolle toda a información necesaria para emprender a ruta entre Ferrol e Cedeira en cadeira de rodas eléctrica: dende a planificación das etapas ata os lugares de obrigada parada, pasando polos servizos principais que atoparemos polo camiño ou porcentaxes de pendente de cada tramo.
Cada dato aparece nesta guía práctica que o Concello porá agora a disposición das persoas interesadas na casa consistorial e casa da cultura, e a partir do verán, na oficina de turismo.
O alcalde, Alberto González, acompañado da deputada provincial e concelleira de Turismo, Rosana García, e do edil de Servizos, Benito Vega, recepcionaba onte as 200 guías de mans da presidenta da asociación ASCM, Paula Gárate, e da técnica da entidade, Noemí González. O rexedor aproveitaba a oportunidade para poñer en valor o traballo da ASCM a favor da construción dunha sociedade máis accesible, onde as persoas, con independencia das súas capacidades, poidan desfrutar do seu tempo de ocio en igualdade de condicións. Neste caso, a través dun turismo inclusivo, terreo no que avanza esta guía.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.