Valdoviño saca a contratación a terceira e última fase das obras de ampliación do Centro Sociocomunitario.
O Concello de Valdoviño vén de sacar a contratación as obras da terceira e última fase do Centro Sociocomunitario, cun investimento de 1.303.360,14 euros e un prazo de execución de 11 meses. Contemplan a construción da segunda planta do inmoble, sumando 400 metros cadrados e permitindo habilitar o primeiro centro de día da localidade, ademais doutros servizos como aulas de formación e espazos para o movemento asociativo. Así mesmo, o proxecto inclúe conectar o centro coa casa da cultura a través dunha pasarela exterior, e diferentes intervencións de eficiencia enerxética para reducir a pegada ecolóxica da edificación.
As empresas interesadas no contrato poderán presentar a súa oferta ata o 10 de febreiro, e consultar os pregos na plataforma de contratación do sector público. Tras elevar o orzamento e modificar algúns criterios técnicos, o Concello de Valdoviño confía en que o procedemento saia adiante.
En 2021, o Concello licitaba as obras por primeira vez, nun concurso que finalmente quedou deserto. En 2022, remataba coa adxudicación a unha empresa que finalmente, por mor da subida xeralizada de prezos, renunciaba ao contrato, iniciándose un novo procedemento en 2024, quedando tamén deserto.
Esta terceira fase completará unha intervención de rehabilitación integral do que fora o antigo mercado municipal para transformalo no actual centro sociocomunitario, o primeiro da localidade. As obras das dúas primeiras fases concluían en 2020, coincidindo coa pandemia da covid-19, e unha vez se foi recuperando a normalidade, o centro iniciaba tamén a súa actividade. Hoxe en día, o centro acolle accións formativas e mesmo sede estable dunha asociación.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
