O programa conta cun orzamento de 540 000 euros e está dirixido a concellos de 5000 ou máis habitantes. A convocatoria procura reforzar o uso do galego no ámbito administrativo e social e permitirá financiar a contratación anual de persoal técnico a xornada completa.
A Deputación da Coruña recibiu un total de 25 solicitudes para financiar os gastos de persoal técnico de normalización lingüística nos concellos e demais administracións da provincia durante o exercicio 2026. A iniciativa dispón dun orzamento global de 540 000 euros e estabelece unha achega máxima de 20 000 euros para contratos a xornada completa e de duración anual.
Está dirixida a concellos de 5000 ou máis habitantes, así como a agrupacións municipais e outros suxeitos que cumpran os requisitos recollidos nas bases.
Esta liña de axudas inscríbese no compromiso da Deputación co fomento e a normalización do uso da lingua galega no ámbito local, en coherencia co marco legal vixente. O obxectivo é contribuír ao mantemento e á mellora do galego tanto no funcionamento interno das administracións como na relación destas coa cidadanía.
O persoal técnico subvencionado desenvolverá tarefas de asesoramento en política lingüística nas entidades locais, impulsará accións de dinamización para promover o uso social do galego, organizará actividades de formación sociolingüística e difusión de materiais, prestará apoio lingüístico interno para mellorar a calidade comunicativa da administración e favorecerá a coordinación entre a Deputación e os concellos nas actuacións normalizadoras.
Para acceder a estas axudas, o persoal contratado deberá contar con titulación en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega, Filoloxía Hispánica ou Grao en Lingua Galega, e manter unha relación laboral ou funcionarial coa entidade local correspondente.
A convocatoria responde á necesidade de reforzar as políticas públicas de normalización da lingua galega nun contexto en que persisten situacións de desigualdade no seu uso social, malia existir un marco xurídico favorábel desde comezos da década de 1980.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
