O espectáculo inclúese no ciclo municipal de teatro «Ven o Venres».

O auditorio da casa da cultura de Valdoviño acollerá este venres 13 de novembro unha nova función do ciclo municipal de teatro «Ven o Venres». Desta volta, Iria Pinheiro poñerá en escena «Vitória, retrato dunha denuncia». O espectáculo, incluído na Rede Cultural da Deputación da Coruña, dará comezo ás 20:00 horas con entrada libre e de balde ata completar aforo.
«Vitória» é o retrato dunha denuncia. Trátase dunha peza de teatro autobiográfico que conta o proceso xudicial ao que se someteu a actriz Iria Pinheiro cando interpuxo unha denuncia por acoso sexual contra o director do programa de televisión no que traballaba. A peza reconstrúe a historia que vai desde 2017 a 2023, intercalando a documentación xudicial do proceso co xogo e a ironía características do cabaret.
SOBRE IRIA PINHEIRO
Iria Pinheiro desenvolveu a súa actividade profesional na televisión autonómica,nas artes escénicas e na música, ademáis de ter participado en longamentraxes, curtametraxes e numerosos videoclips, destacando no eido do cabaret e no teatro adulto e infantil.
Coa compañía Chévere estreou espectáculo Anatomía dunha Serea (teatro documental) polo que recibiu no 2019 dous Premios María Casares: Mellor Actriz e Mellor Texto Orixinal (xunto coa poeta María Lado). No 2019 recibe tamén o Premio Maruxa Villanueva á Interpretación pola súa traxectoria como actriz. En 2020 suma o Premio Mellor Interpretación no FIOT de Carballo, dentro do certame Escenas por m2 cun texto escrito por ela mesma titulado “Croquetas”.
Na liña do teatro documental , escribiu e representou o espectáculo Miss Docet, dirixido por Vanesa Sotelo, estreado en 2022. Tamén neste ano recibe un premio da Deputación de Ourense e da Residencia 1863 para retirarse a escribir un poemario na Fundación Valparaíso (Almería).
En 2023 queda finalista no Concurso Literario Internacional Jovellanos “El mejor poema del mundo” cun poema escrito en galego. E en 2024 estrea a película «Prefiro Condenarme», onde traballou como protagonista baixo a dirección de Margarita Ledo.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
