As entradas están xa á venda ao prezo de 18 euros para o público xeral, e de cinco euros para as persoas socias da Sociedade Filarmónica Ferrolana.

A Real Filharmonía de Galicia protagonizará este venres, 13 de novembro, ás 20.00 horas no Auditorio de Ferrol Álvaro Lamas, o terceiro concerto da 78º tempada da Filarmónica Ferrolá, cun programa que pon de relevo o diálogo musical entre distintas épocas, nesta ocasión de maneira moi brillante, coa estrea mundial da obra sinfónica Contrafactum.
Trátase dunha obra de Josep Planells que dialoga co mestre español do Barroco Joan Cabanilles, que consegue facer dialogar estéticas separadas por séculos, xunto cunha xoia da mocidade de Rachmaninov e a épica Sinfonía nº 5 de Jean Sibelius.
O concerto será tamén a carta de presentación da nova promesa do piano ruso-armenia Eva Gevorgyan, que con tan só 22 anos, xa foi finalista do Concurso Chopin e tocou con grandes directores como Valery Gergiev e Vasily Petrenko.
Contrafactum, de Josep Planells (Valencia, 1988), que celebra a súa estrea mundial da man da RFG nun dobre concerto en Santiago e en Ferrol, está construída en cinco movementos, cada un inspirado nunha peza para órgano do compositor barroco Joan Baptista Cabanilles (1644-1712).
Nun diálogo de máis de tres séculos entre ambos os compositores valencianos, cada movemento parte de músicas recoñecibles que van sendo levadas ao límite: os rasgos característicos de cada peza vanse intensificando ata o colapso, nunha degradación que afecta ao propio tempo musical, que se fragmenta, dilúe e granula en diferentes capas de complexidade que se van sumando a medida que avanza a obra.
Son cinco pezas diferentes nunha, pero todas teñen en común o mesmo principio: aquilo que define cada unha das partes é precisamente o que acaba por disolvelas.
Tras a estrea, a RFG, baixo a dirección do director convidado Jordi Francés, interpretará xunto á pianista Eva Gevorgyan (Moscú, 2004) unha deslumbrante obra de xuventude de Sergei Rachmaninov (1873-1943), un dos grandes compositores postrománticos europeos
A segunda parte do programa fará soar en Ferrol unha obra monumental, a Sinfonía Nº5 de Jean Sibelius (1865-1957). No escenario tamén participan alumnos da EAEM, sumándose á interpretación. A duración aproximada desta obra é de 95 minutos, e as entradas poden adquirirse nas billeteiras do Jofre e na web de Ataquilla.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.