O Concello de Neda inicia a inscrición, de forma presencial ou telefónica na biblioteca, para o novo curso das escolas municipais de teatro. As agrupacións infantil, xuvenil e de adultos volverán activarse ao longo do mes de outubro.
Os afeccionados ao mundo da interpretación terán, un curso máis, o seu espazo na programación cultural de Neda. A Casa da Cultura acollerá as clases, que brindarán aos veciños da localidade espazo no que poder expresarse e desenvolverse a través da arte.
Marián Rei, fundadora da compañía Teatro Calavera, volverá poñerse á fronte do cadros de actrices e actores infantil e xuvenil. O pasado curso, unha das mozas da escola lograba o premio á mellor interpretación cadete no “XXVI Certame de teatro escolar e afeccionado da Deputación da Coruña”, pola súa actuación na obra “Nenas Araña”. Mentres, o obradoiro de teatro de adultos seguirá contando como mestre, un ano mais, co actor, director e distribuidor Agustín Bolaños.
Nos tres casos, as clases terán lugar os mércores pola tarde. De 17 a 18.30 os máis pequenos; de 18 a 19:30 horas será a quenda dos mozos e mozas e posteriormente, a dos maiores. As persoas que queiran anotarse deberán chamar ao 981 390233 ou dirixirse á biblioteca municipal.