Concello de Narón e Cineclube Serie B organizaron o ciclo de cine “Historias extraordinarias”

A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura de Narón, Marián Ferreiro, presentou xunto con Alberto Pena, presidente do Cineclube Serie B, o ciclo de cine “Historias extraordinarias”, que se desenvolverá no Pazo da Cultura  de Narón durante o vindeiro mes de outubro.

A rexedora local destacou a calidade das películas que se poderán ver, todas elas con entrada de balde e que se proxectarán durante catro mércores, en todos os casos ás 20:00 horas. A Federación de Cineclubes de Galicia e a administración autonómica colaboran neste ciclo, organizado polo Concello, a través do Padroado da Cultura, e o Cineclube Serie B.

A primeira proxección será o día 1 de outubro, cando se poderá ver “Ed Wood”, gañadora de dous premios Óscar, protagonizada por Johnny Deep e Martin Landau e dirixida por Tim Burton. A historia céntrase na biografía do considerado peor director da historia do cine. Na xornada do día 8 proxectarase “Searching for sugar man”, gañadora dun Óscar ao Mellor documental longo e que conta a historia do desaparecido músico Sixto Rodríguez. Malik Bendjellou escribiu e dirixiu este documental sueco -británico.

A terceira proposta deste ciclo, o día 15 de outubro, é “Radio encubierta”, de Richard Curtis (guión e dirección), unha película sobre a revolución de Radio Rock, unha radio pirata na Inglaterra dos anos 60 que chegou a ter unha audiencia de 25 millóns de persoas. O ciclo “Historias extraordinarias” rematará o día 22 coa proxección de “Desenterrando Sad Hill”, de Guillermo de Oliveira (guión e dirección). É un documental sobre a reconstrucción dun camposanto ficticio de Sad Hill, construído en Burgos para rodar a secuencia máis mítica de “El bueno, el feo y el malo”.

O presidente do Cineclube Serie B asegurou que se poderán ver “historias incribles, moi emotivas” e nas que, incidiu “se reflicte que hai accións boas, persoas incribles e historias extraordinarias que merecen ser contadas e descubertas”.

Pola súa banda, a alcaldesa felicitou a Alberto Pena polo traballo que realizan dende o Cineclube Serie B e pola súa colaboración noutros eventos municipais cando así se solicita. “Realizades un gran traballo e é un orgullo poder seguir descubrindo e redescubrindo esas historias que traedes a través destes ciclos en Narón, ofrecendo unha gran selección á cidadanía que queira achegarse a desfrutar do cine”.

Lea también

Inscripción abierta en Valdoviño en las Aulas de Artes Plásticas y de Cerámica

La concejalía de Cultura de Valdoviño informa de la apertura del plazo de inscripción en …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *