A Xunta volveu a abrir a canle de desaugamento da lagoa da Frouxeira en Valdoviño

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, volveu a abrir  onte a canle de desaugamento entre a lagoa da Frouxeira e o mar, que estivo taponada nos últimos días debido ao temporal que sufriu a zona. Esta actuación evita a inundación dos inmobles próximos a este ecosistema natural.

Neste momento, a lagoa da Frouxeira desauga e estase a rebaixar a cota de inundación, mentres efectivos do departamento que dirixe Agustín Hernández seguirán na zona vixiando que o procedemento continúe con total normalidade.

O pasado mes de novembro, a Consellería de Medio Ambiente restaurou a canle histórica de comunicación entre a lagoa da Frouxeira e o mar, unha  actuación preventiva coa que se pretende rebaixar o nivel da cota de inundación, evitar unha nova apertura explosiva da lagoa que a experiencia amosa como desfavorable para a conservación da lagoa e o sistema dunar, e favorecer a restauración da canle orixinaria de comunicación entre a lagoa e o mar, o que permitiría a recuperación do funcionamento hidrolóxico natural do sistema. Así, o canal aberto reproduce a condución histórica máis longa (uns 300 metros en total) e suave que a existente, e que desaugará ao norte da illa Percebelleira.

O espazo onde se está a traballar estrutúrase sobre o humidal da Lagoa da Frouxeira, incluíndo a propia lagoa en sentido estrito, a barreira litoral, a praia grande e pequena da Frouxeira, así como distintos terreos conformados por hábitats húmidos (cauces fluviais, depresións intradunares húmidas, xunqueiras, bosques húmidos) e medios dunares e de cantís contiguos a estes ). O espazo pertence á Rede Natura 2000 e está incluído dentro do ámbito territorial do Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia, na actualidade en fase de participación pública.

Lea también

Avanzan en Valdoviño las labores de clasificación en la antigua escuela de Pantín

Vecinos se sumaban el martes 8 a la tarde a las labores de selección y …