A deputada socialista Paloma Rodríguez cualifica a política do peche do Parador como «inmoral, inxusta, indecente e inútil»

A deputada socialista ferrolá Paloma Rodríguez rexistrará hoxe martes unha Proposición non de Lei no Congreso esixindo ao Goberno que garanta a continuidade do Parador de Ferrol dentro da rede pública e respectando a totalidade dos postos de traballo. Nesta iniciativa, que foi dada a coñecer pola propia Rodríguez nunha rolda de prensa celebrada onte na sede socialista da cidade, o PSOE tamén reclama ao Executivo do Partido Popular que aposte pola viabilidade do Parador e o seu mantemento como “referencia de calidade e excelencia no sector turístico do norte de Galicia”; que desenvolva un plan extratéxico para a innovación e modernización deste establecemento; que estruture un plan de captación e fidelización de clientela acorde coa oferta turística e cultural da zona (con especial vencellamento en rutas como a naval ou a do modernismo) e que o Parador de Turismo de Ferrol quede constituido como “eixe vertebrador das actuacións tendentes a acadar a declaración da cidade como Patrimonio da Humanidade”.

Paloma Rodríguez, que adiantou que precisamente hoxe martes e o mércores o plan de Paradores será abordado polo Pleno tanto do Congreso como do Senado, cualificou esta decisión como “ataque sistemático, directo e brutal” contra esta rede de establecementos hoteleiros públicos. No caso concreto de Ferrol, que é ao que se refire a PNL que rexistrará a deputada, a decisión de pechar o seu Parador suporía que trinta persoas irían ao paro dun xeito directo, ademais de perder outros moitos postos de traballo indirectos (proveedores, servizos, etc.).

Para Rodríguez, a rede de Paradores constitúe un “instrumento clave para a promoción dun turismo de calidade e excelencia no noso país”, ao tempo que amosou a súa convicción acerca da estratexia do PP con esta cuestión. “O Partido Popular pretende ir desmantelando pouco a pouco os Paradores co peche definitivo ou temporal dos seus establecementos, poñer en dúbida a súa viabilidade e aboar o terreo para que resulte inevitable levar a cabo un proceso de privatización destas instalacións”, asegurou a deputada, que engadiu que, fronte este xeito de facer política do PP, está o Partido Socialista, cuxo grupo parlamentario considera que Paradores é “unha marca de referencia do sector turístico español”.

“E o Parador de Ferrol axústase perfectamente a esa imaxe de modernidade e calidade” dunha cidade que aspira a ser declarada Patrimonio da Humanidade, dixo Rodríguez, que destacou que as instalacións  da cidade se encadran á perfección no seu modelo arquitectónico e están moi vencelladas coa recentemente deseñada ruta da construcción naval. A este respecto, a deputada socialista acusou ao alcalde, José Manuel Rey, e ao concelleiro de Turismo –que é tamén presidente da Deputación-, Diego Calvo, de non dar unha resposta “contundente” contra esta decisión de peche e de “esquecer que están ao servizo do noso pobo e non ao do PP, que quere vender o patrimonio de todos”.

Esta política do PP é inmoral, indecente, inxusta e inútil”, aseverou Paloma Rodríguez, para a que con esta decisión,  que en ningún caso está xustificada nin ten criterio obxectivo ningún, “cercénase, unha vez máis, un polo de crecemento económico da nosa cidade”.

Rodríguez afirmou que o PSOE traballará a reo nesta cuestión para convertirse nunha “ferramenta eficaz” que acade paralizar o peche do Parador de Ferrol.

Lea también

El Área Sanitaria de Ferrol licita la compra de un ecocardiógrafo para el servicio de cardiología

La Plataforma de Contratos de la Xunta de Galicia publica este martes, día 2 de …