O Consello de Contas salienta como exemplo da xestión pública o sistema de contabilidade analítica da Deputación da Coruña

A ferramenta permite coñecer con exactitude e en tempo real, os custos reais dos servizos que presta, facilitando unha xestión máis eficiente, transparente e orientada á toma de decisión.

O Consello de Contas de Galicia vén de destacar o sistema de contabilidade analítica da Deputación da Coruña como unha referencia a nivel autonómico no ámbito da modernización e mellora da xestión pública. O organismo fiscalizador resalta que a institución provincial coruñesa dispoña dunha ferramenta que permite coñecer, con
exactitude e en tempo real, os custos reais dos servizos que presta, facilitando unha xestión máis eficiente, transparente e orientada á toma de decisións.

Así se recolle no recente informe publicado polo Consello de Contas baixo o título “ Informe de análisis del coste efectivo de los servicios públicos municipales: gestión de los sistema municipales de las fases de abastecemiento y saneamiento del ciclo integral del auga ”  (https://www.ccontasgalicia.es/sites/consello_de_contas/files/contents/documents/2025/170202207_IF_Informe_analise_custo_efectivo_servizos_publicos_municipais_C.pdf )

O sistema implantado pola Deputación leva desenvolvéndose desde o ano 2009 e foi posto en marcha con medios propios. Trátase dun módulo específico que funciona de maneira integrada coa contabilidade financeira da institución, permitindo a imputación detallada de custos directos e indirectos a cada servizo, proxecto ou programa da administración.

A contabilidade analítica é unha ferramenta que complementa a contabilidade orzamentaria e financeira tradicional. Mentres estas últimas reflicten o cumprimento dos orzamentos e a situación económico-financeira da entidade, a contabilidade analítica permite, mediante a análise dun conxunto de indicadores, determinar canto custa realmente prestar cada servizo público, proporcionando información interna de alto valor para a xestión e para a planificación estratéxica.

As vantaxes máis destacadas inclúen a mellora da eficiencia na xestión, xa que permite detectar desviacións, reducir ineficiencias no gasto e optimizar os recursos públicos; a transparencia, xa que facilita o acceso aos datos de custes dos servizos públicos con información detallada e en tempo real e permite unha planificación estratéxica. Ademáis, cando todas as administracións implanten estes sistemas de contabilidade analítica permitirá a comparación de datos entre diferentes institucións ou modelos de xestión.

Un modelo que debera ser estendido
O informe do Consello de Contas sinala que moitas entidades locais galegas aínda carecen deste tipo de ferramentas, o que limita a súa capacidade para planificar e avaliar correctamente os custos reais das actuacións públicas. Por este motivo, recomenda a implantación progresiva de sistemas de contabilidade analítica nas administracións locais, especialmente mediante solucións compartidas, formación técnica e apoio institucional.

Neste contexto, o modelo da Deputación da Coruña destaca unha vez máis pola súa consolidación, autonomía tecnolóxica e integración cos sistemas contables oficiais, converténdose nun referente útil para outras administracións e organismos públicos. A experiencia da Deputación demostra que a contabilidade analítica non é só unha ferramenta técnica, senón un instrumento estratéxico ao servizo da boa gobernanza, da eficiencia institucional e da mellora da calidade dos servizos públicos.

Lea también

Trabajadores de Lugove se concentran en Vigo ante las condiciones «precarias» que padecen

Decenas de trabajadores de Lugove, concesionaria del servicio gallego de transporte público interurbano en el …