Presentarase tamén un receitario que reúne pratos recomendados por persoas da Confraría, do sector da hostalería e da veciñanza de Ferrol Vello.
O proxecto Nós Mariñeir@s -unha iniciativa do Concello de Ferrol para poñer en valor a cultura mariñeira da cidade vinculada especialmente ao barrio de Ferrol Vello- encamíñase cara ao seu remate con dúas actividades que se farán coincidir o vindeiro 1 de agosto.
A sala Curuxeiras da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao acollerá nesa data, a partir das 11:30 horas, a presentación dun receitario que reúne once pratos elaborados con produtos da ría ou tradicionais de Ferrol Vello, así como a inauguración dunha exposición na que se mostrará o traballo desenvolvido desde que o proxecto botou a andar o pasado mes de novembro. No acto, aberto ao público, repartiranse exemplares do devandito receitario, para cuxa elaboración colaboraron persoas da Confraría de Pescadores de Ferrol, da hostalería e da veciñanza do barrio portuario.
A exposición, pola súa banda, mostrará nunha serie de paneis as actividades que se realizaron, co obxectivo de destacar a importancia do mar na historia do barrio que foi orixe da cidade. Visitas guiadas á Confraría, aos antigos espazos industriais e á propia ría nun cruceiro; obradoiros de cociña e showcookings e xornadas formativas na Escola Náutico-Pesqueira achegaron á cidadanía a historia e valores de Ferrol Vello, nunha aposta por conservar e potenciar esa especial vinculación co mar, tan intimamente ligado á cidade.

A mostra, que estará aberta ata o 9 de agosto, completarase con material cedido polo pósito, como a mascota Percibal, deseñada no marco de Nós Mariñeir@s, e pola Náutico-Pesqueira, así como coa proxección das entrevistas realizadas en formato vídeo a persoas do barrio.
Todas estas iniciativas contaron para o desenvolvemento das actividades coa colaboración da Autoridade Portuaria de Ferrol- San Cibrao, a Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol, a Escola Oficial Náutico-Pesqueira, a Asociación de Veciños de Ferrol Vello e a Asociación de Hostalería Férvello, do mesmo barrio.
Nós Mariñeir@s é un proxecto subvencionado pola Consellería do Mar financiado con fondos FEXPA tramitados a través do GALP Golfo Ártabro Norte.