Rafael Catoira gaña o III Premio de Novela Curta “Alén” do Concello de Ares

O autor, nado en Culleredo, recibe o galardón literario pola súa novela ‘Á hora sinalada’, que inclúe unha dotación económica de 2.000 euros e o lanzamento da obra dentro do catálogo da editorial Hércules de Ediciones.

Rafael Catoira

Este mesmo 26 de xuño, o Concello de Ares e a editorial Hércules de Ediciones veñen de facer público o fallo do III Premio de Novela Curta “Alén”, que nesta edición recoñece a obra Á hora sinalada, do escritor Rafael Catoira. O galardón, dotado con 2.000 euros, conleva a publicación da novela por parte do selo editorial coruñés e tamén establece a primeira data de presentación: terá lugar o 17 de agosto, dentro da programación do VIII Ares Indiano.

O xurado do Alén, composto por Blanca Roig Rechou, Rocío García Pedreira e Laura Rodríguez Herrera, decidiu por unanimidade declarar gañadora á novela de Catoira, presentada baixo o seudónimo de Mar Ártabro, e salientar a calidade tanto da súa proposta como do resto de obras remitidas ó concurso.

Así, prémiase unha historia escrita en primeira persoa e que afonda na memoria dun home que regresa a Galicia despois de toda unha vida emigrado. A través dunha voz pausada e íntima, reconstrúe os espazos físicos e emocionais da súa infancia, os vínculos co país natal e a pegada do tempo transcorrido fóra. A obra inscríbese na tradición da literatura da emigración galega, ofrecendo unha ollada serena e reflexiva sobre a identidade, o desarraigo e o regreso.

Rafael Catoira (Culleredo, 1951) dedicouse á actividade empresarial, mais tamén centrou parte do seu tempo nas letras. Como autor, gañou o segundo premio do XXXIX Certame literario do Concello de Vilalba; o primeiro accésit en poesía da XX edición do Certame literario Manuel Orestes Rodríguez López do Concello de Paradela; e o primeiro accésit en narrativa no mesmo certame. Ten publicado o libro de poemas ‘Navegando cara a Ítaca’.

SOBRE O PREMIO ALÉN

O Premio de Novela Curta “Alén”, impulsado polo Concello de Ares e Hércules de Ediciones, ten como obxectivo promover a creación literaria en lingua galega arredor do fenómeno da emigración. Desde a súa creación en 2023, consolidouse como unha iniciativa cultural de referencia na comarca.

Na súa primeira edición, o premio foi concedido á escritora Nones Araújo pola novela A Madriña, mentres que na segunda resultou gañadora Susana Fraguela coa obra Enfiando a vida. Cada ano, a entrega do galardón enmárcase dentro do festival Ares Indiano, que rende homenaxe á memoria e pegada da emigración na vila e na sociedade galega.

Lea también

La Habitación Roja celebra en Ferrol sus 30 años sobre los escenarios

La banda valenciana La Habitación Roja actuará este sábado 23 de mayo en el Teatro …