CLUN, Espazo Nature Retreat e Somadrome Films gañan os Premios PEL da Deputación da Coruña

Formoso reivindica o Plan de Emprego Local (PEL) como o gran proxecto transformador da Deputación da Coruña na última década. Os accésits foron para as empresas Orixe Salgada, La Pradera Online e Galopín Playgrouds. O veterano empresario Severino Escurís e a xornalista Fernanda Tabarés recibiron tamén recoñecementos especiais.

O Campus Tecnolóxico Cortizo, en Padrón, acolleu esta noite a gala de entrega dos Premios PEL da Deputación da Coruña, uns galardóns que recoñecen anualmente as mellores iniciativas empresariais da provincia e que este ano celebran a súa sétima edición.

As empresas galardoadas foron CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas S.C.G), Espazo Nature Retreat S.L. e Somadrome Films S.L, que recibiron un premio de 20.000 euros cada unha polo seu compromiso co emprendemento, a innovación e a sustentabilidade.

A presente edición fixo historia ao rexistrar a maior participación dende a creación dos premios, con 127 candidaturas presentadas: 31 na categoría de Iniciativa Emprendedora, 79 na de Traxectoria Empresarial e 17 propostas polo xurado para a categoría de Proxección e Innovación Sostible.

Esta alta participación demostra que os Premios PEL interesan, que son necesarios e que están plenamente consolidados como un referente no ecosistema empresarial da provincia”, afirmou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que presidiu a gala.Cada candidatura é unha mostra de ilusión, de traballo e de compromiso co territorio. Estes premios visibilizan proxectos que están a transformar o noso rural, a nosa economía e a nosa sociedade.

O presidente felicitou ás empresas premiadas e ás que recibiron accésits, destacando o talento, o esforzo e a capacidade de innovar dende calquera punto da provincia, mesmo dende os concellos máis pequenos. Tamén agradeceu a participación de todas as candidaturas presentadas que non obtiveron galardón este ano porque sen elas non existiría este proxecto colectivo que é o Plan de Emprego Local.

PEL, o gran proxecto transformador da Deputación da Coruña

Durante o acto, Formoso fixo un balance do Plan de Emprego Local (PEL), ao que definiu como un dos proxectos máis transformadores da Deputación da Coruña.

“Cando chegamos ao goberno hai unha década, as políticas de emprego da Deputación da Coruña limitábanse á contratación de cuadrillas de obras nos concellos durante os tres meses do verán, cun investimento de menos de 1 millón de euros cada ano. Hoxe estamos a falar do maior Plan de Emprego impulsado por unha administración local en Galicia, que leva mobilizado 120 millóns de euros investidos dende o seu inicio, con 7.700 empregos creados, 2.700 pemes e 4.000 autónomos beneficiados pola axudas do PEL, ademáis dunha rede de 11 coworkings que axudou a impulsar máis de 300 proxectos emprendedores. Detrás de cada unha destas cifras hai nomes, proxectos e soños compridos e, sobre todo hai moito futuro, destacou Formoso.

O presidente da Deputación reivindicou tamén o compromiso da institución co rural: Vivimos nun territorio onde cada posto de traballo que se crea nun concello pequeno pode significar que unha familia quede ou que unha persoa nova decida emprender alí o seu proxecto de vida. Esa é a nosa loita: facer do rural unha oportunidade, non unha desvantaxe.

Finalmente, quixo salientar tamén o papel das mulleres emprendedoras, que son “un motor fundamental da transformación do rural galego.

Empresas gañadoras

As empresas gañadoras nas categorías princiapais deste ano foron:

Espazo Nature Retreat, S.L. (Premio á Iniciativa Emprendedora). É un campamento turístico de alta calidade aberto ao público desde marzo de 2024, situado no espazo natural de Razo-Baldaio, no concello de Carballo. Ofrece unha experiencia de aloxamento sostible a través de 22 unidades —entre cabanas eco, vilas e tendas de glamping— para unhas 70 persoas, incluíndo opcións adaptadas a persoas con mobilidade reducida e zona para autocaravanas. Conta cun edificio de servizos centrais con restaurante, sala de usos comúns e espazos para actividades de benestar. O seu restaurante Espazo Gastro, aberto ao público, aposta por unha proposta culinaria baseada en produtos locais. O proxecto logrou as certificacións Q de Calidade Turística e S de Sostibilidade do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).

Somadrome Films, S.L. (Premio á Traxectoria Empresarial). É unha produtora audiovisual con sede en Oroso, especializada en documentais científicos e culturais para o mercado internacional. Fundada en 2017, aposta por un modelo de negocio innovador, dixital e centrado na calidade narrativa e no impacto social. Conta cun amplo catálogo de máis de 15 producións emitidas en canles e plataformas de todo o mundo, como Netflix, ARTE, Discovery Channel, TVE, Movistar, TVG, BBC, RAI, NHK, Foxtel ou Al Jazeera. O seu traballo contribúe a visibilizar o talento galego e achegar historias locais ao público global.

CLUN: Cooperativas Lácteas Unidas S.C.G. (Premio á Proxección e Innovación Sostible). Cooperativa de referencia no sector lácteo galego, resultado da fusión de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto. Con sede en Negreira e 3.500 socios, dinamiza o sector produtivo no rural da provincia cun impacto social e económico destacado. Conta con centros de transformación de leite e fertilizantes, ofrece servizos de asesoramento e comercialización, e aposta pola innovación e a formación continua a través da colaboración con estudantes e participación en proxectos de I+D.

Accésits

O xurado recoñeceu tamén con accésits, dotados cun premio económico de 5.000 euros, ás seguintes empresas:

Orixe Salgada, S.L. (Accésit Iniciativa Emprendedora).

Iniciativa pioneira que desenvolve unha biorrefinería para procesar algas de arribazón mediante técnicas 100% naturais e sen residuos. O proxecto transforma un residuo das confrarías galegas en produtos de alto valor engadido, cun forte impacto ambiental e social.

La Pradera Online (Accésit á Traxectoria Empresarial).

Tenda en liña especializada en alimentación e benestar para pequenas mascotas como coellos e roedores. Conta con 32.000 usuarios rexistrados e realiza máis de 2.500 envíos mensuais a España e Portugal. O seu obxectivo é consolidar un novo sector de mercado agroalimentario galego baseado no cultivo de henos para mascotas.

Galopín Playgrounds, S.L. (Accésit Proxección e Innovación Sostible).

Empresa con sede en Cerceda, pioneira no deseño e fabricación de parques infantís e biosaudables. Cunha traxectoria de máis de 25 anos, ten desenvolvido proxectos nos cinco continentes promovendo espazos de xogo inclusivos, sostibles e sen barreiras.

Recoñementos especiais para Severino Escurís e Fernanda Tabarés

Durante a noite entregáronse tamén dous recoñecementos especiais á xornalista Fernanda Tabarés e ao empresario Severino Escurís Batalla.

Fernanda Tabarés, responsable de Voz Audiovisual e presidenta de Pedralonga Estudios é unha figura sobresaínte do xornalismo galego. Recibiu o galardón polo seu traballo comprometido e independente, pola súa defensa do papel fundamental da muller na sociedade e nos medios de comunicación e como figura de referencia no sector audiovisual galego.

Serverino Escurís Batalla recibiu o galardón por toda unha vida dedicada ao sector conserveiro galeo. A punto de cumprir 100 anos, é un dos empresarios máis veteranos do país. Iniciou a súa traxectoria na empresa familiar Conservas Escurís, desde donde impulsou una visión pioneira e unha firme vocación industrial que marcaron profundamente o desenvolvemento do sector conserveiro galego. O seu legado continúa sendo exemplo de esforzo, innovación e compromiso coa calidade alimentaria.

Con esta nova entrega, os Premios PEL consolídanse como un dos recoñecementos máis relevantes do emprendemento a nivel galego e estatal, promovendo a cultura emprendedora e visibilizando o papel das empresas como axentes de transformación social e territorial.

Lea también

El almirante Gonzalo Villar tomó posesión como director del Gabinete Técnico de la ministra de Defensa

La ministra de Defensa ha enfatizado este viernes, a pocos días de una importante cumbre …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *