A proposta Sericum levou ás persoas asistentes a unha viaxe máxica inspirada na antiga Ruta da Seda.
O Conservatorio Provincial de Danza da Deputación da Coruña pechou con gran éxito o seu curso académico coa xa tradicional gala de fin de curso, celebrada este mércores e xoves, 18 e 19 de xuño, no teatro Colón. Ambas funcións rexistraron un cheo absoluto, cun público entregado que gozou intensamente do espectáculo e do talento do alumnado.
Baixo o título Sericum, a proposta deste ano levou ás persoas asistentes a unha viaxe máxica inspirada na antiga Ruta da Seda, ese fío invisible que durante séculos uniu culturas, pobos e territorios afastados. A través dunha posta en escena coidada e envolvente, as coreografías transportaron ao público por escenarios míticos e exóticos: reinos de ouro, oásis sagrados, princesas, guerreiros e caravanas de mercadores cobraron vida sobre as táboas do Colón, nunha explosión de cor, música e movemento.
A gala destacou pola súa riqueza visual e musical, e por amosar o resultado dun intenso ano de aprendizaxe, creación e ensaio.
O entusiasmo do público, que respondeu con longos aplausos e ovacións, confirmou unha vez máis o papel fundamental que ten esta cita anual para o panorama cultural coruñés, consolidándose como un referente da danza desde unha mirada artística e pedagóxica.