O Grupo Municipal Socialista de Ferrol denuncia «que o balance de dous anos de goberno presentado polo alcalde de Ferrol, está baseado nunha mentira deliberada sobre os datos de licitación. O rexedor afirmou textualmente: “Licitamos obras e regularizamos contratos por importe de 205 millóns de euros na primeira metade do mandato”.
«Con todo, segundo os datos oficiais recollidos na Plataforma de Contratación do Sector Público —o rexistro onde todas as administracións deben, por lei, facer públicas as súas licitacións—, a cifra real non chega nin á cuarta parte do que afirma o alcalde».
«Faltan máis de 150 millóns de euros que non están en ningún tipo de contrato, nin para a execución de obras, nin para a prestación de servizos, nin para subministracións. E non están porque non existen. É imposible que o alcalde descoñeza que a publicación das licitacións nesta plataforma é obrigatoria. Polo tanto, ou non sabe o que di ou está mentindo conscientemente á cidadanía. Ningunha das dúas opcións é aceptable nun cargo público. Construír un balance sobre datos falsos é un insulto a todos os ferroláns».
Desde o Grupo Socialista «preguntámonos se os 150 millóns que faltan estarán investidos na nova praia de Caranza, no parque acuático do Inferniño ou na área industrial que o alcalde prometeu e que finalmente malvendeu a cinco euros o metro cadrado. Porque, na realidade, non hai unha soa obra nova executada, nin unha soa transformación relevante na cidade».
«Mentres o alcalde se dedica a vender fume, os investimentos reais non se executan. Os servizos non melloran. A isto hai que sumar que desde que chegou goberno local o PP subiu o IBI, subiu a recollida de lixo, subiu a auga, subiu os comedores escolares e subiu o servizo de axuda no fogar».
«E todo isto, mentres o único que baixou foron as multas. Os únicos beneficiados pola política fiscal de Rey Varela foron os infractores. Os que pagan con responsabilidade, eses pagan máis por todo. Ferrol leva dous anos de propaganda, de titulares baleiros, de márketing político e de ausencia total de xestión real. A única realidade que se pode constatar é unha execución orzamentaria raquítica —un 7,84 % dos investimentos reais en 2024— e unha cidade na que non se ve nin unha soa obra comezada por este goberno».
«Mentres tanto, o alcalde divide o seu tempo entre Ferrol e Madrid. Está máis centrado na súa carreira política que na xestión municipal. E o resultado é este: propaganda, fume e datos falsos».
Desde o Grupo Municipal Socialista «esiximos unha rectificación inmediata. E se o alcalde non pode xustificar os 150 millóns que di ter licitado, o que debe facer é pedir desculpas á cidade por mentir descaradamente. Ferrol merece un alcalde que diga a verdade, que xestione de verdade e que estea presente. Non un representante que manipula cifras e abandona a cidade para promocionarse persoalmente».