Forma parte do proxecto para a recuperación e posta en valor do patrimonio militar financiado con cargo aos fondos Next Generation.
A primeiros de ano, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaba co alcalde de Valdoviño, Alberto González, o convenio para a posta en marcha na localidade da primeira fase do Plan de Recuperación das Baterías Militares de Ferrolterra -no que tamén se inclúen Ares e Ferrol-.
A través deste, o Concello delegaba na institución provincial a redacción do proxectos e execución das obras, e este días, a Deputación sacaba a contratación o primeiro. Trátase da redacción do proxecto e dirección de obra para crear e sinalizar un camiño ciclable entre a Batería de Campelo Alto e Campelo Baixo. A intervención levarase a cabo nunha extensión de 1,7 km, e consistirá na adecuación dun itinerario principal que conecte ambos puntos mediante un camiño ciclable, aproveitando os enclaves naturais que se atopan no percorrido.
Segundo consta nos pregos, no deseño da nova senda tentarase facer un aproveitamento eficiente do espazo optando polo uso de materiais sostibles e filtrantes que, complementados coas zonas axardinadas con vexetación e terreo natural, garantan un bo mantemento no terreo, prestando especial atención ás condicións de accesibilidade e non discriminación das persoas con discapacidade para o acceso e utilización dos bens e servizos públicos.
Na redacción do proxecto investiránse algo máis de 8.000 euros, e o orzamento previsto no seu conxunto nesta primeira fase do plan de actuacións ascende a máis de 266.000 euros. Inclúese no Plan de Sostenibilidade Turística en Destino Centro Histórico de Ferrol e Patrimonio Militar da Costa Ártabra, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola UE a través dos fondos Next Generation.