O concerto Proyecto 1800 abre en Cedeira os actos culturais e festeiros da fin de semana

O concello de Cedeira ten esta fin de semana unha axenda inzada de citas culturais e festeiras, preludio da campaña estival que se aproxima. O Auditorio Municipal acollerá este venres, a partir das 20.30 horas, o concerto de Proyecto 1800, o grupo formado por tres portentosos instrumentistas que transportarán ao público ata o París de principios do século XX. A entrada é libre ata completar o aforo.

Roberto Somoza co saxofón C-Melody, Jesper Boile Nielsen coa tuba e André Labraña co acordeón uníronse no Proyecto 1800, nome baixo o que interpretan pezas de compositores nados no século XIX. Tanto temas populares, clásicos como jazzísticos forman un repertorio, co que grabaron tamén un disco a finais de 2023 co mesmo nome, que recorda aos pequenos grupos de cámara que actuaban no París de principios do século XX.

O paseo da Mariña terá movemento o sábado 21 todo o día, desde as 10.00 ata as 20.00 horas co Encontro Artesán que promove a asociación Lugares Comúns. Artistas e talentos locais amosarán o seu traballo.

Tamén o sábado, en horario de mañá e de tarde, estará en Cedeira o “Magomóvil”, o camión do Mago Antón. Estacionará na praza Roxa e ofrecerá funcións, con entrada de balde ata completar aforo, ás 12.00, 13.00, 18.00, 19.00 e 20.00 horas.

Capítulo á parte son as festas de San Xoán. O parque Floreal, no casco urbano, acollerá o sábado unha sesión vermú cunha actuación musical a partir das 14.00 horas e unha sardiñada ás 20.00 horas, organizadas pola comisión de festas de San Roque e San Cosme, que tamén programou música e sorteos para prolongar a festa.

A Asociación de Veciños de Regoa ten na festa de San Xoán unha das súas citas ineludibles. Ás 18.00 horas do sábado comenzará o II Festival de Rondallas, coa actuación das do Club de Campo e Sonidos del Alba, de Ferrol, xunto coa Rondalla de Cedeira. Tras o capítulo musical, arredor das 21.30 horas, comezará a festa. A entidade prevé servir sardiñas, churrasco e queimada baixo unha carpa onde despois das 22.30h haberá tamén música. O prezo para os socios é de 12€ e para non socios de 15€ e é preciso apuntarse previamente.

O local de Tarroiba, da Asociación de veciños de Cervo, acollerá tamén unha cena de San Xoán este sábado, con música en directo. É preciso apuntarse para participar do evento, que ten un prezo de 20€ para socios e 25 para non socios, cun menú a base de empanada, churrasco, chourizos criollos e postres variados.

Pola súa banda, a Asociación de Veciños de San Román prepara tamén unha churrascada para festexar San Xoán, pero está programada no seu caso para a noite do vindeiro sábado 28. É preciso apuntarse antes do día 24.

E tamén a parroquia de Montoxo está de festa, neste caso cun cartel de actividades para celebrar o Corpus. O programa comezará o sábado 21 coa misa cantada pola Coral Eixil de Cedeira, seguida da procesión e una sesión vermú amenizada polo Trío Mardavila. Volverá a tocar na verbena desa noite o Trío Mardavila, xunto co Dúo La Mekánica.

Ao día seguinte, o domingo, haberá “sesión vermú longa”, segundo anuncia o cartel, ao ritmo que marque o Dúo Crazy.

Lea también

El Museo Naval de Ferrol ultima la exposición del Premio de pintura «ALMIRANTE 2026»

El Museo Naval de Ferrol inaugurará el próximo 29 de octubre la exposición correspondiente al …