Oleiros acolle a XXXIII Copa Deputación de Fútbol

As semifinais disputaranse o 22 de xuño, mentres que as finais serán o seguinte sábado, 29 de xuño, todo no campo municipal da Marola, no Concello de Oleiros.

Presentación Copa Deputación

A sede da Deputación da Coruña acolleu este martes, ás 10:30 horas, o sorteo oficial da XXXIII Copa Deputación de Fútbol Afeccionado, unha das citas máis emblemáticas do calendario deportivo provincial. No acto participaron o deputado de Deportes, Antonio Leira, o deputado provincial e alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane —xa que o campo municipal da Marola, en Dexo, será este ano o escenario da competición—, o vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol, José Luis Villamisar, así como o secretario xeral da mesma entidade, Diego Batalla, o alcalde de Dumbría, Raúl González, e representantes dos clubs participantes.

O campionato, que reunirá aos equipos campións das catro grandes zonas da provincia (A Coruña, Costa da Morte, Ferrol e Sar), disputarase en formato de sede única e contará cunha xornada de semifinais e outra de finais.

As semifinais femininas xogaranse o domingo 22 de xuño ás 10:30 e ás 12:30 horas, mentres que as semifinais masculinas terán lugar ese mesmo día ás 17:00 e ás 19:30 horas. As finais, tanto na categoría feminina como masculina, disputaranse o domingo 29 de xuño ás 10:30 e ás 12:30 horas, respectivamente, para evitar as horas de maior calor e facilitar a loxística do evento.

Os emparellamentos definidos no sorteo desta mañá deixan cruces de gran interese deportivo. Na categoría feminina, o Victoria CF enfróntase ao Dumbría (10.30 horas), mentres que a S.D. O Val xogará contra a EFM Concello de Boiro (12.30 horas). Na categoría masculina, o Galicia de Mugardos medirase ao Atlético Coruña Montañeros (17.00 horas) e a S.D. Negreira xogará contra o Dumbría CF (19.30 horas).

24.000 EUROS EN PREMIOS

A Deputación da Coruña destina 24.000 euros en premios para esta edición da Copa Deputación. Os equipos campións, tanto en categoría masculina como feminina, recibirán 5.000 euros; os subcampións, 4.000 euros; e os semifinalistas, 1.500 euros por equipo.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou na súa intervención a importancia dun “torneo emblemático” que acada xa a súa 33ª edición en categoría masculina e a 6ª na categoría feminina. Leira recoñeceu a “ilusión” que produce este campionato e aproveitou para “agradecer ao Concello de Oleiros a súa colaboración para acoller esta copa das copas”.

Ademais, engadiu a importancia de “ademais de apoiar ás categorías amateur, coma neste caso estamos facendo; tamén é fundamental e está máis ca demostrada a nosa axuda e colaboración co deporte de base”.

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, animou aos participantes e afeccionados a gozar do fútbol e do moito que o Concello de Oleiros ten que ofrecer durante estas dúas fins de semana do evento deportivo, que reúne aos mellores equipos de fútbol afeccionado da provincia.

Lea también

Pontedeume lanza el «Circuito 3×3 Eume», una apuesta veraniega por el baloncesto urbano

Pontedeume, junto a Hoops 3×3, se suma este verano al auge del baloncesto 3×3 con …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *