Se ultima en Narón o VI Festival da Cultura Viaxeira Gulliver Fest

A sexta edición do Festival da Cultura Viaxeira Gulliver Fest, que se celebra do 7 ao 10 de agosto na área recreativa de Pedroso en Narón, está a piques de pechar a súa programación ao completo.

Coa ocupación das zonas de acampada e glamping practicamente ao cen por cento e a zona camper con tan só un centenar de prazas dispoñibles, a convocatoria pechou a maior parte das actuacións, con destacadas formacións e propostas como obradoiros, unha carreira de orientación, mercado, e food trucks, entre outras.

Na primeira xornada, o xoves día 7, abrirase o recinto ás 16:00 horas para a zona camper, de acampada e glamping e ás 21:00 acudirá a discoteca móvil La Duendeneta. Na xornada do venres haberá xogos tradicionais, un obradoiro de identificación de minerais, charlas viaxeiras e poderase desfrutar das actuacións de Shugr´Band e Tandub, así como de La Duendeneta. O sábado continuarán as propostas da programación dende moi cedo, cunha sesión de ioga ás 9:00 horas e unha carreira de orientación a partir das 10:00 polas inmediacións da área recreativa.

O teatro sobre rodas de Circanelo chegará de novo a Pedroso a mediodía e pola tarde, completándose as propostas a partir das 17:00 horas cun obradoiro de chapas do Gulliver Fest. Shake, La Duendeneta, Teshuva, que acompaña ao Gulliver na súa visita tradicional, e La Regadera encargaranse de amenizar a noite do sábado a partir das 21:30 horas.

Gulliver Fest-Narón. Archivo 2023

O domingo será o último día do festival, con propostas que se desenvolverán dende as 9:00 horas, cunha nova sesión de ioga, ata as 20:00 horas, co inicio da actuación de The Locos. Pola mañá haberá un obradoiro para nenas e nenos, coa temática dos retratos e haberá tamén teatro, ao mediodía e a actuación de Batukada Latexo. Pola tarde, ás 16:30 haberá propostas para o público infantil, concretamente un concerto, a cargo de Gramola Gominola e a partir das 18:00 horas actuará Monoulious Dop, cabeza de cartel do festival xunto con The Locos.

Os concertos programados, así como a maior parte das actividades (obradoiros) e outros espectáculos como o circo, xogos tradicionais, as charlas viaxeiras, o espazo co que contará a Biblioteca municipal… son abertos á cidadanía en xeral, tal e como se recordou. Tan só se abrirán inscricións para propostas que, por temas organizativos, así o requiran, como a carreira de orientación e as sesións de ioga.

O Concello de Narón e a Asociación Furgo Galicia organizan esta nova edición do Gulliver Fest, que cada ano acada un maior número de público.

 

 

Lea también

El BOE publica la declaración del puente de Cruzul, en Lugo, como bien de interés cultural

El Boletín Oficial del Estado (BOE) publicaba este jueves el real decreto por el que …