As Pontes recupera a tradición coa cuarta edición da Romería das merendas

O evento celebrarase o sábado 14 de xuño na Fraga de Dona Rita e busca revivir as antigas romarías.

Foto-Concello de As Pontes

O Concello das Pontes, coa colaboración do grupo de música tradicional No Cómbaro, organiza este sábado, 14 de xuño, a cuarta edición da Romaría das Merendas, unha cita que terá lugar na Fraga de Dona Rita a partir das 13:00 horas e que busca recuperar o espírito das antigas festas populares que un día foron sinal de identidade do municipio.

Con esta celebración, o Concello aposta pola posta en valor da música tradicional galega, as costumes populares e o goce do espazo natural en comunidade, nun formato festivo no que o protagonismo será compartido por familias, grupos de amizades, romeiros e romeiras que se xuntarán ao redor dunha manta, unha cesta de comida, coa música tradicional e as roupas da década dos anos 50 como acompañantes.

A programación comezará ás 13:00 horas coa sesión vermú, amenizada polos grupos Axóuxere (Roupar), Vai Rañala Meu (Narón) e Benofán (Calo), que encherán de ritmo a Fraga de Dona Rita para dar paso, a partir das 15:00 horas, ao momento das merendas abertas á veciñanza. As persoas asistentes deberán levar a súa propia comida e bebida, xa que non haberá postos de venda no recinto.

A partir das 16:00 horas, os romeiros e romeiras más pequenas serán protagonistas grazas á organización de xogos populares tradicionais e obradoiros de creación de colares e pulseiras con elementos naturais, unha das principais novidades desta edición, que reforza o compromiso coa transmisión interxeracional da cultura e o respecto pola natureza. Xa pola tarde, entre as 18:00 e as 23:00 horas, será a queda para a actuación dos grupos Sondalla (Illa de Arousa), Algarabía (Valdoviño), Aquí e Alá (Outes / Lousame), No Cómbaro (As Pontes) Xosé Liz e Antía Caaveiro (Vigo / As Pontes), Traspés (Vigo), Petricor (Compostela) e Os Sibailas (Madrid) e, como en anos anteriores, haberá un concurso de bailes agarrados.

A festa culminará cunha Foliada Libre, aberta a quen queira seguir compartindo música e baile baixo as árbores da Fraga.

Desde o Concello das Pontes convidan a toda a veciñanza e visitantes a participar nesta romaría que é, cada vez máis, un espazo de encontro, celebración e orgullo polas raíces culturais do municipio.

 

Lea también

Escola Museo Vivo da Ramalleira de Valdoviño participa en Portugal en unas jornadas sobre recuperación de memoria escolar

El escritor Antón Cortizas, integrante del grupo de trabajo que impulsa la recuperación del centro …