En marcha os preparativos para a celebración da noite máxica de San Xoán e máis da festividade de San Pedro. O alcalde de Neda, Ángel Alvariño, vén de ditar un bando no que se establece o prazo para solicitar autorización no caso de que se queiran facer lumieiras en espazos públicos. O texto apunta ademais limitacións que deberán observar as persoas organizadoras para garantir a seguridade nas noites do 23 e do 28 de xuño.
Así, para realización de fogueiras en zonas de dominio público será imprescindible contar coa correspondente autorización municipal. E esta poderá solicitarse por rexistro xeral, de forma presencial ou a través da sede electrónica, ata o 20 de xuño.
Engade o edicto que, no caso das cacharelas que se realicen en terreos privados urbanos ou asimilados, non haberá que comunicalas á administración local, lembrando que o bando non regula “as comunicacións de queima de restos agrícolas amoreados, nin as autorizacións de queima de restos forestais” competencia de Medio Rural.
Preservar a seguridade
Co obxectivo de minimizar riscos e “garantir a seguridade das persoas e bens”, o bando recolle unha serie de condicións esixibles a todas as fogueiras que se realicen no municipio con motivo dos días de San Xoán e do San Pedro.
En primeiro lugar, establécese que non superarán os 4 metros de diámetro nin os 3 de altura. Ademais, deberán gardar unha separación mínima de 10 metros dos inmobles, árbores e demais obxectos próximos que poidan resultar danados e, dende logo, nunca se farán baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, nin nos arredores de almacéns de produtos inflamables. Queda prohibida tamén a queima de pneumáticos, gomas, plásticos, aceites e, en xeral, calquera outra substancia que desprenda fumes tóxicos, así como botar ao lume materiais inflamables.
Finalmente, subliña o bando de que ao remate da fogueira, e antes de abandonar a zona, os/as membros da organización “coidarán que as cinzas queden totalmente apagadas”, advertindo de que serán responsables dos danos que puideran ocasionar a terceiros.