Fene reclama a modernización das infraestruturas ferroviarias de Ferrolterra

A alcaldesa, Sandra Permuy, e o tenente de alcalde, Manuel Polo, reuníronse este semana cos representantes do Foro Cidadán polo Ferrocarril para abordar as necesidades da liña. O goberno municipal pide un servizo de proximidade real que conecte Ferrol, A Coruña e os concellos intermedios como alternativa viábel ao vehículo particular.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e o primeiro tenente de alcalde, Manuel Polo, mantiveron unha reunión de traballo cos representantes do Foro Cidadán polo Ferrocarril, co obxectivo de abordar as necesidades urxentes de mellora da rede ferroviaria na comarca de Ferrolterra.

Durante o encontro, celebrado na Casa do Concello, a rexedora fenesa trasladou o compromiso do goberno local coa defensa do tren como servizo público estratéxico. «É imprescindíbel avanzar na modernización da infraestrutura ferroviaria e apostar pola súa funcionalidade real, con servizos que dean resposta ás necesidades da veciñanza», sinalou Sandra Permuy.

Entre as prioridades que o goberno municipal considera urxentes, destacou a execución do bypass en Betanzos, a mellora do trazado actual, duplicar e electrificar a liña, a súa compatibilidade co tráfico de mercadorías, así como a transferencia a Galiza da infraestrutura ferroviaria. Xunto a estas demandas, a alcaldesa tamén puxo o foco na necesidade de implantar un servizo de proximidade entre Ferrol, A Coruña e os concellos intermedios, que se configure como unha alternativa real ao uso do vehículo particular.

«Non podemos seguir falando de mobilidade sostíbel e deixar de lado unha infraestrutura clave como o tren, que leva anos sen recibir os investimentos necesarios», apuntou Permuy, quen anunciou que trasladaría -e así fixo- ao pleno da Mancomunidade de Concellos da Comarca a proposta de celebrar un encontro monográfico sobre o tren, no que se aborden tamén as necesidades da liña de vía estreita, clave para moitos núcleos rurais da comarca.

O Foro Cidadán polo Ferrocarril estivo representado na reunión por Esperanza Piñeiro, Xulia Díaz (Clube de Prensa de Ferrol), Consuelo Carballal (Fuco Buxán), Armando Lema (AFAF) e Xavier Dongil (Ateneo Ferrolán). Durante o encontro, compartiron co Concello a súa preocupación pola exclusión de Ferrol do Eixo Atlántico de Alta Velocidade, pola situación deficitaria da liña Ferrol – A Coruña e pola falta de planificación e investimentos nas infraestruturas ferroviarias da comarca.

A xuntanza desenvolveuse nun clima de coincidencia e colaboración, co compromiso de manter o diálogo aberto e traballar conxuntamente na defensa dun tren público, digno e útil para a cidadanía de Ferrolterra.

Próximas actividades do Foro

O Foro Cidadán polo Ferrocarril continúa coa súa programación de actividades divulgativas e de sensibilización arredor do transporte ferroviario. O martes 17 de xuño, o Ateneo Ferrolán acollerá a proxección do documental «Vía Estrecha», dirixido por Mario Llorca, unha obra que afonda na realidade das liñas de vía estreita en España e o seu impacto social e territorial.

Ademais, o mércores 18, o investigador Antonio Polo ofrecerá a conferencia «O necesario tren de proximidade en Galicia», na que analizará as carencias do actual sistema ferroviario galego e formulará propostas para garantir unha mobilidade sustentábel e eficiente na comunidade.

Lea también

As Pontes celebra el 23 de junio la «VII Noite Meiga»

El Ayuntamiento de As Pontes se prepara para vivir una de las noches más especiales …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *