A piscina de San Sadurniño inicia temporada o 23 de xuño

A piscina municipal de San Sadurniño está sendo sometida a obras de mellora para repararlle o peche perimetral e, sobre todo, para substituír o recubrimento do vaso. Os traballos contan con  financiamento da Deputación da Coruña e están valorados en algo máis de 63.000 euros, impostos incluídos.

Fuente César Galdo/ Secundino García e Raquel Piñeiro

Concello e a adxudicataria, Guerreiro Somozas S.L., calculan que poidan estar rematados entre esta semana e mediados da que vén, xusto a tempo para abrir as instalacións ao público o luns 23 de xuño. O departamento municipal de Deportes iniciou o prazo para inscribirse nos cursos de natación e tamén  para mercar os abonos de temporada, a mellor opción tanto para baños individuais como para ir á piscina en familia.

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, e a concelleira de Axenda 2030, Raquel Piñeiro López, achegáronse este serán até as instalacións dos Currás para ver o estado das obras e puideron comprobar que o groso dos traballos xa está practicamente rematado.

O principal labor centrouse no recubrimento de todo o vaso cunha lámina armada de PVC totalmente impermeable e de alta resistencia, co obxectivo de corrixir as filtracións e desprendementos que xa estaban empezando a producirse no gresite -os cadradiños cerámicos que cubrían o fondo e os laterais-. O novo material sintético cobre agora até a canaleta perimetral de rebose e vai colocado sobre unha especie de manta xeotéxtil de polipropileno con propiedades antifúnxicas.

A maiores da reparación do vaso, que xa está listo e cheo de auga para empezar a temporada, o proxecto tamén recolle melloras no exterior, concretamente no peche perimetral e no sistema de evacuación de pluviais dos vestiarios.

No primeiro caso estase substituíndo a antiga rede metálica  por paneis de malla electrosoldada e soportes específicos que rodearán toda a instalación respectando as alturas actuais. Antes de facer o novo cerramento foi necesario reparar e reforzar o murete duns 60 centímetros de altura que flanquea a piscina polo leste ao longo duns 35 metros. A outra intervención prevista no proxecto refírese á colocación de  tres canalóns de zinc na cuberta do ambigú, coa finalidade de minimizar a posibilidade de que pase auga ao interior das instalacións en días de chuvias intensas.

«Á piscina xa lle facía falta unha reparación en profundidade. E nunca mellor dito, porque o máis traballoso e custoso foi precisamente cambiar a cobertura do fondo e os laterais», apuntou Secundino García Casal. O rexedor engade que o novo material «está deseñado para durar» e ofrece unha aparencia máis regular «e sen perigo de que se desprendan anacos, como estaba pasando xa co gresite».

Pola súa banda, a concelleira de Axenda 2030 destacou que a piscina «gana en canto á xestión eficiente da auga e da enerxía que fai falla para mantela en perfectas condicións para o baño» dado que o novo recubrimento do vaso «impide que se produzan filtracións», precisou Raquel Piñeiro López.

A obra adxudicouse en 63.121,86€, impostos incluídos, aínda que para as arcas municipais o investimento será moito menor, posto que a Deputación da Coruña -que tamén financiou hai 25 anos a piscina- achegará 50.000 euros por medio dunha subvención nominativa.

Inicio da temporada o luns 23 de xuño

O Goberno local confía en que todo estea rematado e en orde de revista para o luns 23 de xuño, data prevista de inicio da temporada estival. É máis, as obras deberán estar concluídas xa para a tarde do venres 20, día no que comezará o XIX Torneo de Fútbol 8 organizado polo CF San Sadurniño. Como é tradicional, o Concello abrirá a piscina para a rapazada que participa no torneo de fútbol base durante toda esa fin de semana.

O horario de baños libres será o mesmo que os anos anteriores e manterase fixo ata o 7 de setembro: de 15:00 a 21:00 horas pola semana e de 14:00 a 21:00 horas os sábados, domingos e festivos.

A escola municipal de natación, que arrancará o 4 de xullo, está posta os mércores e venres a partir das 11:00 horas ofertando durante os dous meses centrais do verán as actividades de iniciación e perfeccionamento, sempre que se xunte un mínimo de participantes.

Para inscribirse nos cursos cómpre rexistrar a solicitude e efectuar o pagamento da taxa, que pode facerse con tarxeta  directamente nas oficinas municipais ou no banco mediante ingreso ou transferencia, que deberá adxuntarse á petición. Os prezos para rapazada ata 14 anos que estea empadroada son 15,12 euros (18,96€ a doutros concellos) e 25,19€ para maiores desa idade (31,50€ doutros municipios).

Para bañarse saen máis a conta os bonos

As entradas individuais para baños libres -3,99€ persoas adultas e 2€ menores de 14 anos- hai que collelas cada día na cantina da piscina, aínda que sae máis a conta sacar un bono para toda a temporada. Os individuais para maiores de 18 anos teñen un prezo de 35,27 euros para as persoas empadroadas e de 45,35€ para as de fóra de San Sadurniño.

Os abonos familiares ata catro persoas -cando a maioría delas sexan de San Sadurniño- teñen un prezo de 62,99€. Porén, se a maioría dos membros están empadroados fóra do noso concello, o prezo do abono familiar serán 75,59€. O bono increméntase en 6,30€ por cada persoa a partir da quinta, independentemente do empadroamento.

Os bonos deben solicitarse presencialmente na Casa da Cultura ou a través da Sede Electrónica, adxuntando fotocopia do carné da persoa solicitante, fotografías tamaño carné das persoas beneficiarias do abono -poden ser unha ou varias se é familiar-, o resgardo do pagamento da taxa, a ficha de solicitude e, de ser o caso, a fotocopia do carné xove (só para abonos individuais).

Igual que ocorre cos cursos, o pagamento pode facerse con tarxeta na propia Casa da Cultura ou ingresando/facendo transferencia e incorporando o resgardo ao formulario de petición.

Agora só falta que veña un verán con tempo xeitoso para gozar da piscina. 

Solicitude de abonos da piscina
Folla de autoliquidación dos abonos 
Solicitude de cursos de natación
Folla de autoliquidación dos cursos de natación

Lea también

Valdoviño lanza OcioSol na Frouxeira con atletismo, baloncesto, fútbol sala, tenis y multijuego

OcioSol 2025, la programación deportiva diseñada por el Ayuntamiento de Valdoviño para niños durante el …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *