O Campus Industrial de Ferrol acolle, do 11 ao 13 de xuño, a XVIII Reunión Científica da Fundación Española de Historia Moderna

O Salón de Actos Concepción Arenal e a Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acollen, dende o 11 ao 13 de xuño, a XVIII Reunión Científica da Fundación Española de Historia Moderna (FEHM), organizada polo catedrático de Historia Moderna da Universidade da Coruña (UDC) e profesor da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuel-Reyes García Hurtado.

Tal e como recolle o programa deste congreso, a conferencia inaugural, prevista para o mércores 11 de xuño, ás 09:00 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do campus ferrolán, será impartida pola profesora e
investigadora da Oxford University, Tracey A. Sowerby, quen falará sobre a feminidade e a masculinidade nas relacións anglo-españolas nos séculos XVI e XVII. A maiores, o venres 13 de xuño, ás 13:00 horas, no transcurso do acto de peche do evento, intervirá a profesora da Sorbonne Université, Béatrice Perez, cun relatorio titulado “Xenoveses por conversos? Modernidade de España e apertura americana ao fío dos descubrimentos”.

Xa na Facultade de Humanidades e Documentación, as máis de 200 persoas expertas inscritas nesta XVIII Reunión Científica da Fundación Española de Historia Moderna, procedentes de Europa e de América, e demais público xeral interesado poderán elixir entre dous itinerarios ben diferenciados, o primeiro deles, centrado na realidade das mulleres na Idade Moderna hispánica, e o segundo, na das persoas estranxeiras e a España da Idade Moderna.

Ao longo dos tres días que dura este evento, e no suposto de optaren por afondar na realidade das mulleres na Idade Moderna hispánica, as persoas participantes poderán escoitar á profesora e investigadora da Universidad de Valladolid (UVA), Margarita Torremocha, falando sobre mulleres e embarazos; á profesora e investigadora da Universidad Complutense de Madrid (UCM), Gloria Ángeles Franco, analizando ao detalle a saga das condesas de Baños; á profesora e investigadora do Instituto Universitario Europeo de Florencia, Mónica Bolufer, debullando as normas morais e as estratexias editoriais da época e, por último, á profesora e investigadora da Universidad de La Rioja, Ángela Atienza, expoñendo a situación da muller fronte ao claustro e a profesión relixiosa.

Pola súa banda, aquelas persoas que opten polo segundo itinerario poderán escoitar ao profesor e investigador da Universidad de Castilla-La Mancha (UCLM), Porfirio Sanz, falando do exercicio da diplomacia nos séculos XVI e XVII; ao profesor e investigador da Universidad Complutense de Madrid (UCM), Óscar Recio, analizando a imaxe dos estranxeiros durante a crise do Antigo Réxime; ao profesor e investigador da Universidad de Murcia (UM), José Javier Ruiz, repasando o papel da Monarquía Hispánica no mundo e, para rematar, ao profesor e investigador da Universidad de Huelva (UHU), David González, afondando nas diferencias relixiosas existentes entre España e América.

Lea también

Más Debate organiza el «I Certamen de pintura Rápida de Ribadeo»

La plataforma de talento lucense organizará el 5 de julio un concurso para artistas jóvenes …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *