A intervención supuxo a substitución das antigas tubaxes de fibrocemento por conducións máis modernas e eficientes, mellorando o servizo a 18 vivendas. Na recepción da obra participaron a alcaldesa Sandra Permuy e a concelleira de obras, Mª Carmen Martínez, que destacaron o compromiso do goberno local coa renovación das infraestruturas básicas.
O Concello de Fene vén de proceder á recepción oficial das obras de mellora da rede de abastecemento en Tellerías, unha actuación considerada de “máxima prioridade” no plan de renovación das infraestruturas hidráulicas do municipio. A intervención supuxo a substitución das antigas tubaxes de fibrocemento por conducións de polietileno de alta densidade, un material máis resistente e eficiente que garante un subministro de maior calidade e menor risco de perdas de auga.
A actuación incluíu tamén a conexión coas redes municipais existentes, a instalación de válvulas de paso para facilitar a xestión da rede e a reposición dos pavimentos afectados. O investimento total foi de 53.500 euros, financiados a través do Programa POS+2023 da Deputación da Coruña.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “a modernización da rede de abastecemento é unha prioridade para este goberno, porque afecta directamente á calidade de vida da veciñanza e á sustentabilidade dos recursos municipais”. “Con obras como esta en Tellerías seguimos avanzando cara a un modelo de concello máis eficiente e preparado para os retos do futuro”, engadiu.
Pola súa banda, a concelleira de obras, Mª Carmen Martínez, puxo en valor a importancia da actuación para a zona. “Falamos dunha mellora que afecta a 18 vivendas, e que permitirá unha subministración máis segura e con menor risco de roturas”, explicou. “Seguiremos traballando para renovar progresivamente os tramos máis deteriorados da rede de abastecemento municipal”, concluíu.
Esta obra enmarcase dentro dunha estratexia máis ampla de renovación da rede hidráulica, que inclúe outras actuacións como as executadas recentemente na Rúa Travesa e no Camiño do Inferniño, co obxectivo de actuar prioritariamente sobre os 7.746 metros de rede que presentan maiores deficiencias. O Concello lembra que moitas das instalacións actuais superan os corenta anos de antigüidade, polo que a súa renovación resulta imprescindible.