Moeche celebra a VII Feira do Gando Vacún, que terá lugar este 8 de xuño, segundo domingo do mes, cumprindo así cunha das grandes novidades desta edición: a elección desta data como xornada fixa para este evento anual, un dos máis destacados do calendario local.
Tras non poder celebrarse o pasado ano debido á epidemia epizoótica, a feira regresa en 2025 con enerxías renovadas e novas propostas. A cita, organizada coa colaboración dos gandeiros de Moeche e da contorna, servirá como punto de encontro para profesionais do sector, veciños e visitantes, con actividades pensadas para todos os públicos e para poñer en valor a vida e o traballo dun sector tan importante como o gandeiro.
Entre as novidades máis destacadas desta edición atópase a incorporación de premios económicos para os gandeiros participantes. Por unha banda, recoñecerase a participación das tres manadas máis numerosas con premios de 150€, 100€ e 50€, respectivamente. Doutra banda, o público asistente tamén terá un papel protagonista á hora de elixir á mellor vaca da feira. Para iso, habilitarase unha urna no recinto feiral na que os visitantes poderán depositar o seu voto indicando o número de crotal da súa vaca preferida. A vaca que reciba máis apoios será distinguida cun premio de 100€.
Para animar a xornada contaremos con sesión vernú, a cargo de Nuria Boreal, na nave do Mercado, desde as 13.30 horas. A xornada complementase coa oferta dunha boa gastronomía por parte dos locais de hostalaría do municipio e a polbería no recinto feiral
V Concurso de Fotografía da Feira do Gando Vacún
Xunto ao compoñente gandeiro, a VII Feira do Gando Vacún incluirá de novo a exposición do concurso de fotografía aberto a toda a cidadanía, co obxectivo de reflectir a riqueza visual e humana do mundo rural. As fotografías, das categorías: Foto dunha Gandería, Foto da vida no rural e Foto da infancia no rural estarán expostas na Nave do Mercado durante a feira, onde poderán ser contempladas polo público e valoradas por un xurado composto por persoas do ámbito veterinario, asociativo e do Consello Local da Infancia.
Este tribunal outorgará un único premio por categoría, mentres que o público tamén poderá expresar a súa opinión a través dunha urna situada xunto á exposición e mediante a interacción coas imaxes na galería de Facebook do Concello de Moeche, onde o “gústame” tamén contará como voto. Todas as fotos estarán expostas sen o nome da persoa autora da mesma para manter a imparcialidade do xurado.
PROGRAMA
09:00 horas Apertura da feira na nave do gado
10.00 horas Exposición da fotos do Concurso de fotografía
12.00 horas Reunión do xurado do concurso de fotografía
13.30 horas Sesión Vermú na nave do Mercado
16:30 horas Entrega de premios ás mandas máis numerosas e á vaca elixida polo público