A Biblioteca de Narón abre inscrición para asistir ao contacontos “Fada Diana”

A Biblioteca municipal de Narón abre este martes 3 de xuño, ás 16:00 horas, o prazo de inscrición para asistir ao contacontos “Fada Diana”. Trátase dunha proposta que terá lugar na sala multiusos este sábado, ás 11:00 horas, e que se dirixe a público infantil -a partir de 3 anos- e familiar, tal e como indicou a concelleira de Bibliotecas, Olga Ameneiro.

A actividade desenvolverase dous días despois da conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente e está pensada para traballar a concienciación ecolóxica cos nenos e nenas dende unha perspectiva lúdica e participativa. A Fada Diana animaráos a descubrir os segredos da reciclaxe e a lembrar que o cambio só é posible coa colaboración de todas e todos en igualdade.

O espectáculo convida á participación activa do público, a través de elementos como a danza, o circo, a maxia e cancións orixinais, e transportará aos menores a un mundo máxico no que poden converterse en heroes e heroínas. A visita da Fada Diana será unha proposta chea de fantasía, música e valores.

Para poder inscribirse as nenas e nenos deben ter os tres anos cumpridos e o carné da rede de bibliotecas sen sancións pendientes. Poden reservarse as prazas a partir de mañá martes ás 16:00 horas de xeito presencial ou chamando por teléfono ao número 981 382 173. A actividade está cofinanciada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través do programa Ler conta moito.

Lea también

La naronesa Ruth Ortega se proclama campeona del TER European Trophy Damas 2026

El automovilismo gallego  está de enhorabuena tras el histórico triunfo cosechado por Ruth Ortega. La …