A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, a voceira do PSOE local, Silvia de
Arriba e o deputado provincial da área de Deportes, Antonio Leira, desprazáronse ao novo campo de tiro de Río do Pozo, que abriu as súas portas coincidindo coa celebración dun Campionato autonómico de tiro con arco.
A presidenta do Club Arco Naron, Magdalena Abella, e o vicepresidente e un dos fundadores da entidade deportiva, Anxo Grandal, recibiron aos representantes do Concello e da Deputación e tamén aos integrantes dos 29 clubs galegos que participan esta fin de semana na citada competición.
Grandal deu a benvida aos asistentes ao novo campo e agradeceu os esforzos “da Deputación da Coruña, da Federación Galega de tiro con arco, que nos concedeu este campionato fiándose de nós, e do Concello de Narón, que nos leva axudando 24 anos e ao que lle estamos agradecidos de todo o que fai por nós”.
Pola súa banda, o deputado provincial de Deportes asegurou que “é un placer estar con vós aquí e un orgullo por ver que o que facemos dende as administracións é útil para a sociedade”, ao tempo que incidiu en que “ver estes rapaces, que son a base do deporte, é o que lle dá sentido e polo que nós temos prioridade”.
Agradeceu tamén Leira colaboración do Concello de Narón, destacando o investimento realizado entre ambas administracións.
Finalmente, a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, recalcou que “custou chegar ata aquí pero é un día de emoción, para o recordo”. “Tiñamos que facer este campo porque despois de tanto tempo practicando este deporte dende o club, creado no 2001, fomentándoo, tiñamos que estar á altura das súas necesidades”, asegurou.
Así mesmo, agradeceu a colaboración da Deputación, o esforzo do club durante todo o ano para fomentar as bases e este deporte en xeral, e sentirnos moi orgullosos do tecido deportivo da nosa cidade”. Ferreiro deu tamén a benvida a todos os participantes no campionato, desexando que “este sexa o primeiro dos vosos campionatos neste novo campo”.
Ao longo de toda a tarde de hoxe e da xornada de domingo, dende as 10:00 ata as 19:30 horas, un total de 203 deportistas participarán nesta competición.