O BNG logra o apoio unánime do pleno de Cabanas para mellorar a situación da residencia de maiores de Laraxe

O portavoz municipal, Iago Varela, e o deputado cabanés Xosé Manuel Golpe mantiveron contactos coas traballadoras e familiares, e trasladaron tamén a iniciativa ao Parlamento de Galiza.

Foto.-BNG Cabanas

O Pleno do Concello de Cabanas aprobou por unanimidade este mércores a moción presentada polo BNG para esixir melloras urxentes na residencia de maiores de Laraxe, de titularidade pública pero xestionada por unha empresa privada. A iniciativa demanda da Xunta de Galiza a inspección das instalacións, a auditoría dos servizos prestados pola concesionaria, a reparación inmediata das deficiencias estruturais —como os ascensores avariados— e a mediación no conflito laboral que manteñen as traballadoras coa patronal.

O apoio unánime á nosa proposta é un paso importante, pero agora toca que a Xunta de Galiza actúe con responsabilidade e non siga facendo a vista gorda mentres se degradan as condicións dun servizo esencial”, explicou o portavoz municipal do BNG, Iago Varela, quen tamén denunciou a precariedade das condicións laborais no sector: “Hai traballadoras con máis de dez anos de antigüidade que non chegan nin ao Salario Mínimo Interprofesional, mentres empresas que reciben cartos públicos non garanten nin os mínimos”.

Desde o BNG tamén sinalan que a situación da residencia de Laraxe non é un caso illado, senón un exemplo máis do “abandono da política social por parte da Xunta e da súa aposta por privatizar un servizo que debera ser público, universal e de calidade”.

Iago Varela e o deputado do BNG no Parlamento galego, o cabanés Xosé Manuel Golpe, mantiveron nas últimas semanas encontros con representantes das traballadoras e familias de usuarias da residencia, para coñecer de primeira man a situación. Golpe trasladou ademais estas iniciativas ao Parlamento para esixir que a Consellaría tome cartas no asunto.

“Esta moción é un compromiso político coa dignidade das persoas maiores e coas traballadoras que coidan delas. Seguiremos vixiantes e acompañando as loitas do persoal e das familias, tanto no Concello como no Parlamento”, concluíu Golpe.

Lea también

Cientos de personas disfrutaron en As Pontes de la sesión vermú con el grupo Máster en las Fiestas del Carmen

El buen tiempo acompañó este domingo en las Fiestas del Carmen de As Pontes, permitiendo …