As Pontes primeiro concello galego en asinar o convenio co IGVS para a construción de vivenda protexida

As Pontes, é o primeiro concello galego en asinar un convenio de colaboración coa Consellería de Vivenda, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo IGVS para a implantación do programa de oferta de solo de titularidade municipal co obxectivo de axilizar e promover a construción de vivenda protexida nas Pontes.

Este convenio, asinado no salón de plenos municipal polo alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infratestruturas, María Martínez Allegue, facilitará que administración local poida ofrecer, mediante concurso público, parcelas da súa titularidade para a construción de vivendas protexidas, tanto en réxime de alugueiro como de venda, para contribuír a facer fronte á situación actual de escaseza de vivenda accesible.

Tras a sinatura desde convenio, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso amosábase moi satisfeito xa que “temos que aproveitar calquera oportunidade que teñamos de poñer no mercado os terreos que poidan facilitar o acceso á vivenda á veciñanza das Pontes, tanto en réxime de compra como de alugueiro”.

Así mesmo o rexedor pontés agradecía á consellería de Vivenda “esta iniciativa que axuda a dar un paso adiante favorecendo e impulsando o parque de vivenda protexida no noso concello e ven a reafirmar a preocupación e o interese do goberno municipal por garantir que os ponteses e pontesas poidan ter acceso a unha vivenda digna. Debullaba máis polo miúdo González Formoso o primeiro borrador de cesión de terreos, que recolle dúas parcelas; a primeira delas, na Canle IV e outra preto da piscina municipal, “pero estamos estudando agora mesmo a posibilidade de facer máis cesións unha vez se revisen no inventario municipal todas aquelas parcelas que poidan estar dispoñibles para sumar a esta iniciativa”.

Pola súa banda, a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue apuntaba que este novo convenio, co nome de “Programa de solos” vai posibilitar que “aqueles terreos de titularidade municipal que xa estean urbanizados teñan uso, e polo tanto se concursen a través deste convenio de colaboración, no que dende a Consellería de Vivenda faremos tódolos trámites administrativos, técnicos,económicos e xurídicos para concursar esas parcelas, para que promotores públicos ou privados, e tamén por suposto cooperativistas, poidan construír vivenda protexida”

Finalmente María Martínez Allegue amosábase moi agradecida ao Concello das Pontes por ser a primeira entidade local en formar parte deste convenio “e agardamos que sexan máis concellos os que se sumen a esta iniciativa e facer fronte a este reto común que temos tódalas administracións públicas de facilitar o acceso a unha vivenda digna e de calidade a tódolos galegos”.

Así, a adxudicación das parcelas que se incorporen ao programa realizarase mediante un concurso público en réxime de libre concorrencia, que será tramitado polo IGVS en colaboración co Concello das Pontes.

O IGVS tamén se encargará da publicación do chan dispoñible, a redacción dos pregos de bases, os anuncios de licitación, a mesa de contratación e a valoración técnica das ofertas, de maneira que o Concello das Pontes só terá que remitir ao IGVS a información sobre as parcelas para adxudicar e ditar a resolución de adxudicación, ademais de participar na mesa de contratación.

A través da sinatura deste convenio, o Instituto Galego de Vivenda e solo asumirá a elaboración dos pregos de bases polos que se rexerá a adxudicación das parcelas e tramitar os correspondentes procedementos, sacar a licitación as mesmas, efectuar a valoración técnica das ofertas presentadas polas persoas licitadoras e elaborar as propostas de adxudicacións dos contratos mentres que o Concello será o responsable de ditar a resolución de adxudicación dos contratos e remitir os mesmos ao IGVS.

 

 

Lea también

Amplio programa de actividades con motivo del Día de las Fuerzas Armadas 2025, en Ferrol

Con motivo del Día de las Fuerzas Armadas, la ciudad de Ferrol acogerá una serie …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *