Esta fin de semana se celebra a XVIII Concentración moteira Cidade de Narón

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, Ibán Santalla, presentaron xunto con José Luis Bouza, residente do Motoclub Fojeteiros e varios integrantes da directiva a décimo oitava edición da Concentración moteira Cidade de Narón, que se celebra esta fin de semana, os días 30 e 31 de maio e 1 de xuño.

O Concello colabora co Motoclub local na organización deste evento, que reunirá a centos de afeccionados ao mundo das motos durante tres días e ofrecerá unha completa programación que inclúe gastronomía, música e turismo.

A inauguración da concentración será ás 18:00 horas do venres, momento no que se abrirán as inscricións, o mercadillo moteiro e no que tamén darán comezo as actividades infantís. Ás 21:30 horas haberá unha cea baixo unha gran carpa instalada no paseo de Xuvia, a base de callos á galega e proia con queixo. A festa nocturna amenizarana Claxxon e Somoza trío.

O sábado o programa dará comezo ás 9:00 horas, cun almorzo moteiro baixo a carpa de Xuvia e ás 10:00 horas abriranse as inscricións e o mercadillo moteiro. A continuación, ás 11:00, haberá unha ruta mototurística libre -na que o pasado ano participaron máis dun milleiro de persoas- que consistirá nunha visita á vila de Cedeira.

Archivo-2024

E ao mediodía, os moteiros regresarán a Xuvia, onde haberá un xantar a base de empanada galega e paella. Xa pola tarde haberá unha exhibición de trial no paseo de Xuvia, con Ferrán Gonzalo e Víctor Palomares e ás 21:00 horas haberá unha cea na carpa, con churrasco e criollos e procederase á entrega de trofeos aos participantes.

O tradicional desfile de fachos será o sábado ás 23:30 horas, cun percorrido dende Xuvia ata a ponte das Cabras, pola estrada de Castela -que estará videovixiada- e á que se poderán sumar os moteiros que queiran participar, que iluminarán cos seus fachos a estrada ao seu paso. Ao remate do desfile dará comezo en Xuvia unha gran festa moteira, a cargo de Josy da Graver.

O domingo 1 será o último día de festa desta convocatoria, cun almorzo moteiro ás 10:00 horas baixo a carpa e unha nova ruta mototurística libre, neste caso á vila de Pontedeume, ás 11:30 horas. Ao mediodía, ás 13:00, Josy da Graver protagonizará a sesión vermú e ás 14:30 horas haberá un xantar baixo a carpa de Xuvia, con langostinos á plancha e tenreira asada, na que se sortearán agasallos entre os participantes. A XVIII Concentración moteira rematará ás 16:00 horas.

Archivo-2024

As actividades musicais, as rutas mototurísticas e a exhibición de trial son abertas á cidadanía en xeral, se ben para asistir aos almorzos, comidas e ceas programadas, é preciso inscribirse previamente.

Dende o motoclub Fojeteiros avanzaron que xa están preinscritas algo máis de 450 persoas, moitas delas de Narón e comarca pero tamén procedentes doutras zonas de Galicia e mesmo doutras comunidades, como Asturias, País Vasco, Castela León, Madrid…

A alcaldesa destacou o traballo realizado polo Motoclub Fojeteiros “para organizar esta nova edición da concentración moteira, que cada ano medra en participación e que é xa todo un referente para moitas persoas da nosa e doutras comunidades”. Ferreiro animou á veciñanza a desfrutar das propostas que, durante toda a fin de semana se desenvolverán n acidade e mesmo das rutas mototurísticas organizadas para a ocasión.

Lea también

As Pontes primeiro concello galego en asinar o convenio co IGVS para a construción de vivenda protexida

As Pontes, é o primeiro concello galego en asinar un convenio de colaboración coa Consellería …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *