WT-Mode mostra en San Sadurniño as posibilidades dos drons na gandaría e sector forestal

Os drons revolucionaron nos últimos anos unha chea de actividades. O audiovisual, a elaboración de mapas e levantamentos topográficos, o escaneo 3D do territorio e, como veremos dentro de pouco, tamén o transporte de mercadorías, son algúns dos ámbitos onde estes aparellos xa se converteron en imprescindibles. Un dos campos con máis aplicacións é o agropecuario, onde se están empregando para planificar e controlar colleitas ou para aplicar tratamentos fitosanitarios.

Fuente Concello de San Sadurniño/ Foto César Galdo

Tamén se usan no forestal, vixiando contra os lumes, monitorizando a saúde dos montes ou achegando datos de grande valor para a xestión forestal. Para falar destas posibilidades, a empresa especializada WT-Mode ofrecerá unha charla sobre esta tecnoloxía e a súa normativa, xunto cunha demostración práctica das súas posibilidades. A sesión desenvolverase na Casa da Xuventude de San Sadurniño este martes 27 de maio a partir das 11:30h.

Nos últimos anos, os drons convertéronse nunha ferramenta esencial para o sector primario,  grazas á súa capacidade para sobrevoar grandes extensións de terreo e recoller datos en tempo real de todo tipo. A través da súa cámara é posible captar imaxes convencionais de alta resolución, pero tamén escanear o terreo con equipamento láser, analizar temperaturas con dispositivos termográficos ou medir superficies dunha maneira rápida, practicamente autónoma e extremadamente precisa.

Ademais, toda a información que recollen os drons pode procesarse despois para sacar modelos en 3D, táboas de datos numéricos e outros resultados susceptibles de seren analizados e cruzados entre si para tirar conclusións de grande valor para as explotacións agrogandeiras ou forestais, e máis aínda desde que esa análise se fai con axuda da intelixencia artificial.

Na agricultura, os drons úsanse para realizar seguimentos do estado das colleitas, detectar pragas ou enfermidades e avaliar o nivel de humidade do solo. Isto permite tomar decisións máis informadas e aplicar tratamentos de xeito localizado, aforrando tempo, recursos e reducindo as repercusións ambientais. Ademais, algúns modelos están preparados para realizar aplicacións de fitosanitarios ou fertilizantes de forma automatizada.

No caso da gandaría, os drons poden ser moi útiles para o control de rabaños en zonas extensivas, especialmente en zonas de difícil acceso. Permiten localizar animais extraviados, controlar movementos e incluso detectar celos, sinais de estrés ou enfermidades mediante cámaras térmicas ou a análise en tempo real da frecuencia coa que se moven -ou permanecen inmóbiles- algúns individuos. Unha información que se pode utilizar para mellorar o manexo do rabaño, acadando un maior benestar animal e unha mellora na produtividade da explotación.

En canto ao sector forestal, os drons facilitan a vixilancia de masas arbóreas, a detección temperá de incendios e a avaliación dos danos tras temporais ou pragas. Tamén se empregan para cartografar zonas inaccesibles, planificar repoboacións e seguir a evolución do bosque.

Os drons están revolucionando a maneira de traballar no medio rural, facendo posible unha xestión máis moderna e sostible dos recursos. Ademais cada vez son máis baratos e o seu manexo máis doado. Porén, por motivos de seguridade da navegación aérea e de protección das persoas e bens, o voo e mantemento desta maquinaria está suxeito a unha normativa moi estrita que cómpre coñecer e cumprir.

De normativa e de tecnoloxía será do que falará WT-Mode este martes a partir das 11:30h na Casa da Xuventude de San Sadurniño. A firma, radicada no Centro Municipal de Empresas, foi pioneira na comarca no deseño, construción e operación de drons para distintas actividades -audiovisual, industria, investigación, etc.-, ademais de ofrecer formación nesta materia.

Persoal da empresa abordará a historia desta tecnoloxía, os tipos de máquinas máis habituais, os aspectos legais e a aplicación da robótica e a intelixencia artifical combinada cos drons na actividade agrogandeira. A charla, que non require inscrición, non só terá parte teórica senón que tamén haberá unha demostración práctica de voo e uso aplicado dun destes aparellos.

 

Lea también

Valdoviño volve facilitar prácticas non laborais ao alumnado do London Institute

Cinco estudantes de Programación en Linguaxes Estruturadas completarán 175 horas que lles darán acceso ao …