O Concello de Narón e a asociación sen ánimo de lucro Trasankos Rock, pecharon o cartel da primeira edición do Trasankos Rock Narón, un evento que se celebrará o vindeiro 7 de xuño pola tarde noite na zona da rúa das Cerámicas, no lugar de Pena Parda (San Xiao).
A venda de entradas continúa a bo ritmo para desfrutar dunha xornada que terá como cabeza de cartel a Evaristo Páramos, un dos máximos representantes a nivel nacional e internacional da música punk rock, acompañado do seu grupo, Tropa do Carallo.
Subiranse tamén ao escenario deste festival Manifa, un grupo creado no País Vasco e con sete discos no mercado; Arpaviejas, unha banda catalana que este ano celebra os seus 25 anos de carreira musical; Lenincat, un grupo streetpunk de Santiago de Compostela; a banda de punk ferrolá Lixo Sozial e a bada de punk tamén galega Raiade, que ofrecerán ao público a súa música.
As entradas seguen á venda en woutick.es e son de balde para os menores de 12 anos, que que terán que ir acompañados por un titor e asinar unha autorización que poden descargar da web: trasankosrock.com.
Tamén se poden adquirir no Credence rock bar, na Coruña; no Bartolo, de Santiago; na Taberna El Clavel, en Ferrol e nos establecementos de hostalería El Vagón, La Estrella e La Salmantina, de Narón.
Ofrécese ademais ás persoas que acudan unha zona de acampada de balde, que se debe reservar ao mercar a entrada, que ten un custe de 27,50 euros. Así mesmo na zona haberá unha ampla oferta de food trucks –algunha con opción vegana- e unha área camper e para furgonetas, a maiores das xa indicadas de parking e camping de balde.