A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto á directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, mantivo un encontro cos veciños da comunidade de propietarios San Bernardo de Caranza, inmoble no que se están a executar obras de mellora da eficiencia enerxética ao abeiro das axudas a nivel edificio postas en marcha pola Xunta cos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Aneiros puido comprobar os traballos subvencionados con 1,2 M€ e que consisten na substitución da cuberta e a rehabilitación enerxética da envolvente deste inmoble situado na avenida do Mar mediante o sistema SATE. O proxecto, valorado en 2 M€, inclúe ademais a instalación de enerxías renovables, aerotermia para a calefacción e placas solares no tellado para a produción de electricidade. O proxecto beneficia a 60 vivendas e sete locais.
Nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, a través desta liña de axudas destinadas a inmobles de tipoloxía residencial colectiva, concedéronse en 2024 un total de oito axudas, das que se beneficiaron 83 vivendas nos municipios da Capela, As Pontes, Cabanas, Ferrol, Narón, Pontedeume e Valdoviño por un importe de 1,5 M€.
A delegada territorial mostrou a súa satisfacción ao comprobar a repercusión destes apoios autonómicos cos que o Goberno galego pretende contribuír a que os cidadáns reduzan o consumo de enerxía nos seus fogares e melloren o confort interior das súas vivendas.
Destacou que as actuacións subvencionables como a que se está a executar no edificio de Caranza deben lograr unha redución, de polo menos, un 30% no indicador de consumo de enerxía primaria non renovable, ademais dunha diminución da demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración de entre o 25% e o 35%, segundo a zona onde estea emprazado a inmoble en cuestión.
Martina Aneiros aproveitou ademais a ocasión para lembrar que está aberta a convocatoria de axudas para a mellora da eficiencia enerxética en vivendas de forma individual, tanto se son unifamiliares como se forman parte de inmobles residenciais colectivos. Neste caso o importe a percibir será do 40% do custo da actuación, a partir dun investimento de 1.000 euros, cun límite máximo de 3.000 euros por axuda.
Os interesados dispoñen ata o 8 de xullo para solicitalas, senón se esgota antes o crédito de preto de 2,2 M€ habilitado na convocatoria plurianual.