Ferrolterra protagoniza a súa oferta turística Pet Friendly, na feira Pata Pata

Esta fin de semana Ferrolterra participou en EXPOCoruña no festival Pata Pata: Feira dos Animais de Compañía e Turismo Pet Friendly, pata-pata.org, para a promoción do xeodestino FERROLTERRA.

Alma Barrón Ferro, Primeira Tenente de Alcalde de Ares, en representación da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, participou en Cara un Turismo Pet Friendly, mesa redonda moderada por Sara Escudero -escritora- e na que participaron tamén Pepe Formoso -Hotel Bela Fisterra-, Ángeles Paz -Rekunchos Axencia de Viaxes Pet Friendly- e Mónica Cubeiro -Monican pet friendly consultant-.

Ao finalizar a mesa redonda, procedeuse ao sorteo dunha experiencia “Vén descubrir o paraíso” que inclúe aloxamento no Pazo Libunca e visita ao Labirinto de Breogán, considerado o de maior tamaño da península.

Soamente na primeira xornada da feira, sábado 10, achegáronse a visitar o punto informativo da Mancomunidade máis de 300 persoas para interesarse polo «noso paraíso por descubrir», mostrando moito interese e o desexo de vivir algunha das infinitas experiencias que ofrece o xeodestino para gozar en compañía dos seus cans. Nesa xornada, entre os visitantes sorteouse unha experiencia turística pet friendly que inclúe aloxamento no hotel boutique O Castaño Dormilón e un paseo en veleiro coa empresa «Queres vela?».

No stand da comarca, ademais do xeodestino e cada un dos seus 21 municipios, están representadas as case 150 empresas que xa forman parte do proxecto.

Ferrolterra Pet Friendly, un paraíso por descubrir, ferrolterra.petfriendly.gal, é unha campaña que forma parte da estratexia para situar o xeodestino Ferrolterra no mapa turístico pet friendly e chegar a un perfil de familias viaxeiras cada vez máis numeroso. Trátase dunha aposta por dar a coñecer en primeira persoa a nosa infinita variedade de tesouros e oportunidades que dan resposta ao estilo de vida único de cada familia cun turismo slow que permita conectar de maneira consciente e responsable coa esencia do gran patrimonio natural de Ferrolterra e coas tradicións locais do territorio.

As familias que van onde son benvidas en compañía das súas mascotas son moi fieis, prescritoras (recomendarán o destino a outras) e a ter moi en conta para contribuír a desestacionalizar o turismo e dinamizar a economía da zona durante todo o ano. Segundo AEDPAC -Asociación Española de la Industria y el Comercio del Sector del Animal de Compañía-, o mercado dos animais de compañía creceu significativamente nos últimos anos, consolidándose como un sector clave na economía nacional e en Europa.

EXPOCORUÑA pata pata 2025

Este auxe está impulsado polo aumento na tenza de animais de compañía, o desenvolvemento de produtos e servizos especializados, e unha maior sensibilidade social cara ao benestar animal. De feito, fan referencia a un volume de negocio do sector que alcanza os 2.984 millóns de euros anuais, tendo en conta que en España hai máis de 28 millóns de animais de compañía, presentes nun 40 % dos fogares. Este número inclúe 9,3 millóns de cans e 5,8 millóns de gatos.

No caso de Ferrolterra tamén se están a crear novas empresas especializadas no sector dos animais de compañía ou que ofrecen tamén para as familias multiespecie, que podemos encontrar en ferrolterra.petfriendly.gal. Con todo, non soamente Ferrolterra dispuxo de stand nesta feira, senón que dúas empresas locais contaron con stand propio en Pata Pata: o centro canino O Lar de Belelle -lardobelelle.es- e a tecnolóxica TIC4PETS que presentou Mascotas en Red -mascotasenred.es- unha revolucionaria solución para facilitar o reencontro de familias e os seus animais extraviados.

Lea también

O ConciliAres abre inscricións

O servizo de conciliación laboral e familiar do Concello activará o proceso de reserva de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *