O BNG de Narón a través du comunicado expresa o seguinte.. «O concello de Narón abrira a finais de marzo, un proceso de consultas sobre Participación Cidadá para que se fixesen propostas colectivas ou individuais. O proceso de consulta, rematado o luns 5 de maio, viña precedido dunha moción do BNG que se aprobara en pleno que pedía mudanzas significativas. No portal contabilizáronse un total de 14 propostas, todas elas do BNG de Narón».
“Estudamos diferentes regulamentos e o actual de Narón e, por asemblea, aprobamos un documento coas propostas que consideramos necesarias para que se mellore a democracia en Narón. Hai cousas positivas no actual Regulamento que non se coñecen e outras que teñen que ser mudadas porque se demostrou a súa inoperancia” indica Olaia Ledo, protavoz municipal do BNG de Narón.
Entre as propostas presentadas destacan «a creación de, ademais de consellos territoriais “que están sen convocar desde hai tempo, incumprindo o actual Regulamento” aparezan no rural a figura das “asembleas parroquias” onde poida participar toda a veciñanza desa parroquia con dereito a voto». Ademais, desde a organización nacionalista ven importante «manter as consultas populares e que os veciños e veciñas poidan facer propostas que sexan presentadas e levadas a pleno para seren aprobadas cun orzamento axeitado».
O obxectivo do BNG é que «se cren as ferramentas; promover a demanda social; unha gobernanza máis aberta e transparente no concello e onde os veciños e veciñas se sintan partícipes na toma de decisións colectivas que afectan directamente ás súas vidas “fomentar unha cidadanía informada, responsábel e protagonista do desenvolvemento do seu entorno, fará de Narón unha cidade máis aberta, tolerante e onde todo o mundo teña o seu lugar”»
PROPOSTAS DO BNG AO REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ DE NARÓN
PROPOSTA 1:
«Iniciativas populares: é de relevante importancia manter e promover este tipo de iniciativas, onde poder facer unha proposta de consulta popular local que será tramitada sempre que se teña o 10 % de sinaturas e apoio de persoas con dereito a voto nunha parroquia ou barrio. Estas propostas serán debatidas en pleno».
PROPOSTA 2:
«Iniciativas veciñais: Temos que distinguir entre populares e veciñais. Entenderase por iniciativas veciñais a forma pola cal a cidadanía, as Entidades e as Asociacións, propoñen ao concello que leve a cabo unha determinada actuación ou actividade de competencia municipal de interese público e aporten medios económicos, bens, dereitos ou traballo persoal para acadalo. A iniciativa veciñal deberase presentar por escrito e deberán figurar os datos de identificación de quen realice a proposta, ou no seu caso, a entidade, asociación ou colectivo que represente».
«Cando o concello reciba a iniciativa, someterase a información pública durante un prazo de trinta días e o Pleno deberá decidir sobre a mesmo no prazo de dous meses a contar desde o día seguinte da finalización da exposición pública. A decisión terá en conta
principalmente o interese público da iniciativa. Antes da toma da decisión correspondente, alcaldía poderá solicitar aclaracións complementarias á persoa ou colectivo que fixo a proposta e, no caso de aprobarse a iniciativa veciñal, fará pública a forma e o calendario co que se levará a cabo, destinando no seu caso a partida económica correspondente».
PROPOSTA 3:
«Consultas populares: Algo que xa está redactado no regulamento actual e que debemos ter presente para dar a oportunidade á veciñanza de participar na toma de decisións da localidade onde vive. A alcaldía poderá ter competencia para facer consultas que sexan especialmente relevantes para os intereses da veciñanza exceptuando a facenda local e, o seu resultado, deberá someterse á consideración do pleno».
PROPOSTA 4:
«As Entidades e Asociación de Participación Cidadá terán dereito a»:
«Recibir información directa sobre os asuntos que sexan do seu interese».
«Facer propostas sobre os asuntos que afecten aos seus intereses e aos dos seus representados, no ámbito de competencia municipal e nos termos establecidos neste Regulamento, así como ao exercicio do Dereito de Petición».
«Formar parte dos órganos de participación cidadá, de acordo co disposto no presente Regulament».
«Facer uso dos medios públicos municipais, especialmente dos locais sociais e parroquiais, páxina web do Concello, boletíns, etc, nas condicións que determine a Administración Pública».
«Participar na asignación de medios e distribución de axudas, de acordo cos recursos orzamentarios que, se é o caso, se efectuarán con criterios obxectivos de acordo á representatividade das entidades e asociacións nos termos establecidos na normativa local ao respecto. En todo caso, os orzamentos do concello incluirán unha partida económica a tal fin».
«Inscribirse no Rexistro Municipal de Entidade e Asociacións de Participación Cidadá».
PROPOSTA 5:
«Consellos sectoriais e asembleas parroquiais: Os consellos sectoriais estarán formados por representantes das distintas entidades e asociacións constituídas que leven a cabo a súa labor na parroquia, representantes municipais, unha persoa técnica asignada polo concello e o representante do concello na parroquia, que será proposto polas entidades da parroquia e pola veciñanza sempre que esa parroquia supere os 150 habitantes».
«Os consellos deberán ter unha regularidade de un cada catro meses tendo a opción de poder ter outros de carácterextraordinario. Ademais contarase coa Asemblea parroquial na que poderán participar todos os maiores de 16 anos da parroquia e reunirase unha vez ao se o 30 % da veciñanza así o solicita por un tema de carácter urxente».
PROPOSTA 6:
«Concelleiro/a de barrio ou parroquia: Un veciño ou veciña pode ser escollido como conselleiro ou conselleira de barrio ou parroquia. Nas parroquias terá que ser a proposta da asociación veciñal (se a houber) e refrendada nunha asemblea parroquial. No caso dos barrios serán escollidos nos consellos de barrio».
«Consello de barrio: Os consellos de barrio non contarán con asembleas de barrio pero si se promoverá que sexan participados polas entidades e asociacións de veciños (até un número de 5) que así o soliciten».
PROPOSTA 7:
«O Regulamento de participación cidadá, ademais de ser público, estará en todos os Centros Cívicos Sociais do concello para a súa consulta e editado e enmaquetado para tal fin».
«Ademais, as iniciativas populares e veciñais estarán na web do concello recollidas para exposición pública e terán unha páxina específica dentro da web para solicitalas».
PROPOSTA 8:
«O concello informará nas redes sociais (instagram e facebook) da data dos plenos e o enlace para velo en directo na canle de youtube, como un paso máis cara a transparencia e promoción da democracia».
PROPOSTA 9:
«Despregar, coa participación directa do movemento veciñal na súa definición, un Programa Plurianual e Extraordinario de Investimentos para a Atención de todos os Barrios e Parroquias (PLAN CIDADE), para os vindeiros tres exercicios»
PROPOSTA 10:
«Impulsar a descentralización administrativa do Concello e o alargamento da participación cidadá coa creación dos Consellos Veciñais de Barrio e de Parroquia, como espazos de co-decisión que participen directamente na definición das políticas municipais e, nomeadamente, os investimentos do Concello no seu ámbito».
PROPOSTA 11:
«Crear equipas e brigadas municipais para a atención áxil das necesidades de mantemento dos espazos públicos e mellorar o control das empresas concesionarias e contratas municipais«.
PROPOSTA 12:
«Activar unha Comisión Especial de Queixas e Suxestións, permitindo a participación como convidadas permanentes de todas as entidades que fan parte do Consello Sectorial de Participación Cidadá, para facer un seguimento semestral da resolución das mesmas por parte dos diferentes servizos municipais».
PROPOSTA 13:
«Implementar un visor económico municipal, con información en tempo real e series históricas, accesíbel polo conxunto da cidadanía desde o portal web do Concello, no que se recolla o grao de execución orzamentaria, desagregada por capítulo, servizo, programa e aplicación e desglosando territorialmente os investimentos por barrios e parroquias».
PROPOSTA 14:
«Normalizar a relación institucional do Goberno municipal con todas as entidades do movemento veciñal da cidade, garantindo canles fluídas de colaboración para a adecuada atención das súas demandas e reivindicacións».