O pleno da Deputación da Coruña celebrado no presente mes de maio aprobou por unanimidade unha moción presentada polo grupo de Alternativa dos Veciños que exixe cambios normativos e legais para evitar a paralización e retraso de obras públicas por parte de empresas privadas do ámbito da enerxía ou das telecomunicacións.
A iniciativa pon como exemplo o caso das obras de remodelación integral da avenida de Santa Cristina, no concello de Oleiros, indicando que unha empresa privada “pretende cobrarlle á Deputación uns traballos xa realizados pola empresa adxudicataria, demorando sine die a finalización desta obra, o que crea un gravísimo prexuízo económico á hostalería e comercio da localidade, ademais das incomodidades para a veciñanza”.
O texto sinala que “é xa norma habitual que calquera obra pública na que se precise soterrar, retranquear ou eliminar algún poste acumule meses de retraso ou non se poida nin siquera iniciar por demoras inxustificables de Naturgy ou Telefónica” e apunta que “ademáis de actuar ao su antollo, impoñen a empresa que ten que contratar a administración para realizar o traballo en cuestión, saltándose así os principios máis elementais que deben rexer calquera contratación pública”.
Destácase no texto aprobado polo pleno que numerosos concellos destas provincia e a propia Deputación “sofren continuamente este tipo de prácticas abusivas”, así como “cidadáns particulares e empresas, que tamén padecen atrancos e trabas de toda índole cando realizan obras que necesitan da participación dalgunhas das compañías”.
En base a isto, a Deputación da Coruña insta aos gobernos do Estado e da Xunta de Galicia que “realicen todos os cambios normativos e legais necesarios para impedir que ningunha empresa privada de enerxía ou telecomunicacións paralice obras públicas por intereses privados ou de forma arbitraria” e dar traslado deste acordo ao Ministerio e a Consellería de Industrias e á FEMP.
Ampliación da ponte do Pasaxe
O pleno tamén deu luz verde por unanimidade a outra moción de Alternativa dos Veciños instando ao Goberno a acometer as obras de ampliación da Ponte da Pasaxe. Na iniciativa exponse a necesidade de mellorar a mobilidade metropolitana incrementando a capacidade dun punto polo que circulan a diario máis de 90.000 vehículos e no que se producen continuos colapsos circulatorios, cos prexuízos que iso supón para empresas e cidadáns.
A moción insta ao Goberno a que inclúa nos próximos Orzamentos Xerais do Estado os fondos necesarios para a ampliación da ponte da Pasaxe ou que incremente as partidas plurianuais contempladas nos orzamentos de 2023.
Moción por unha vivenda digna e alcanzable
Por outra banda, tamén saíu adiante a moción presentada polos Partido Socialista para favorecer o acceso á vivenda. Nela solicitan ao goberno da Xunta de Galicia que empregue os elementos que dispón a Lei polo dereito á vivenda e que declare Zonas de Mercado Residencial Tensionado naqueles concellos que o soliciten, así como que apliquen políticas neste eido que favorezan a construción e promoción de vivendas públicas, tal como esixe a Lei polo dereito á vivenda.
O pleno aprobou instar á Xunta de Galicia, ademais de a declarar ditas zonas tensionadas e aplicar políticas de acceso á vivenda, a regular e controlar eficazmente as vivendas de uso turístico para evitar un crecemento descontrolado, e a exixir a súa tributación como actividade económica que son.
O pleno aprobou tamén unha moción do PP sobre o financiamento do Sistema de Atención á Dependencia; mentres que rexeitou a segunda, na que os populares propoñían a creación dun plan específico de cooperación en desbroces en estradas municipais. Os portavoces de PSOE e BNG incidiron en que os concellos xa poden cubrir esa necesidade co Plan Único, sen necesidade de crear un novo plan.