Neda inicia a venda de entradas para a representación de “As vellas non deben de namorarse”

A obra teatral prográmase o sábado 26 dentro das Xornadas literarias, dedicadas a Castelao.

A Casa da Cultura recibe o vindeiro sábado 26 a partir  das 20 horas, no marco das Xornadas literarias de Neda, dedicadas desta volta a Castelao, ao histórico Grupo de Teatro Airiños. A compañía máis antiga de Galicia porá en escena “As vellas non deben de namorarse”, versión coñecida peza teatral do ilustre rianxeiro. As entradas xa están á venda.

O espectáculo, que chega a Neda co apoio da Deputación da Coruña, conta a modo de farsa, a historia de tres vellas que se namoran de persoas moito máis novas, e da dramática consecuencia que estes amores serodios terán para elas. Un guión cheo de enredos, que nesta versión busca a converxencia entre a modernidade da Galicia actual e a tradición.

As entradas para desfrutar coa representación do Grupo de Teatro Airiños (Rianxo, 1933) poden mercarse xa, de forma anticipada, na Biblioteca Municipal, e o mesmo sábado, dende un par de horas antes da función.

“As vellas non deben de namorase” é unha adaptación da obra escrita por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no ano 1930 na cidade de Nova York e estreada en Bos Aires nos anos corenta. Nesta versión Amantia Coello xoga a cambiar a cambiar sexos, xéneros, identidades e orientacións dos personaxes, conservando en boa medida o texto. Deste xeito dáselle unha orixinal volta á peza achegándoa ás realidades LGTBIQ+.

As Xornadas literarias de Neda contarán este ano cun bloque de conferencias, protagonizado por figuras de primeiro nivel (xoves e venres, a partir das 18 horas, na Casa das palmeiras) e unha variada programación de lecer durante a fin de semana na Casa da Cultura, co obradoiro de ilustración “Versioleandro ao Castelao”, teatro e un espectáculo infantil.

Lea también

O IX festival Jazz de Ría converterá a costa ártabra do 15 ao 19 de agosto nunha cita obrigada para amantes das experiencias musicais en contornas únicas

Unha visita musicada, un vermú swing, un paseo sonoro, un podcast colaborativo e un obradoiro de …