González Formoso valora moi positivamente a ampliación do cadro de persoal do cuartel da benemérita no municipio xa que “As Pontes é un dos concellos máis seguros de Galicia , segundo as propias estatísticas da Garda Civil, pero este reforzo supón unha mellora do servizo que se presta á cidadanía e inicia o camiño para recuperar o papel do cuartel da Garda Civil no noso municipio e tamén na comarca. No ano 2024 a plantilla xa se reforzou con dous axentes e con estas novas incorporacións serán xa 18 os efectivos asignados a As Pontes.”

O alcalde lembrou que estas novas incorporacións responden ao compromiso adquirido pola Directora Xeral da Garda Civil, Mercedes González Fernández, no mes de novembro de 2024, durante un encontro co rexedor local no que González Formoso lle solicitou o reforzo do cuartel pontés e no que tamén lle propuxo a posibilidade de implantar o cuartel do municipio como base de novos servizos especializados do corpo e lle ofreceu a colaboración do Concello para as obras de modernización, adaptación e rehabilitación que precise o edificio
Desde o executivo local, agradecen a implicación da Garda Civil co concello das Pontes, tanto da Directora Xeral da Garda Civil, como do Coronel da Comandancia da Garda Civil na provincia da Coruña, do Capitán Xefe da Compañía da Garda Civil en Ferrol así como da dirección das Pontes “facendo posible a incorporación de novos efectivos e a regularización, durante o último mes, da situación do cuartel no municipio que permite, na actualidade, garantir a súa apertura todos os días” remarca González Formoso.